Medio Ambiente impulsa 65 ordes de execución aos propietarios de parcelas privadas desatendidas que causan prexuízo á cidadanía

Dende o pasado mes de xuño foron cursadas 25 notificacións a soares en situación de desleixo que, nalgún caso, xa foron acondicionados

 O edil Álvaro Santos anuncia que nos próximos días se tramitarán 40 novos expedientes e lembra que as sancións por non atender os requirimentos oscilan entre os 1.000 e os 10.000 euros

 De xeito parello, a área de Medio Ambiente reforza estes días a roza da maleza en predios e vías municipais co fin de que toda a cidade estea en condicións óptimas de hixiene e salubridade

Sábado, 01 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente impulsa 65 ordes de execución aos propietarios de parcelas privadas desatendidas que causan prexuízo á cidadanía

25 titulares xa notificados e outros 40 expedientes en camiño que, nos vindeiros días a área de Medio Ambiente tramitará instando aos donos de parcelas privadas e totalmente desatendidas para que procedan ao seu acondicionamento.

Ese é o balance das ordes de execución impulsadas polo Concello no último mes para garantir que a cidade manteña unhas condicións de limpeza e salubridade óptimas ao tempo que se preserva a súa imaxe.

“Aos requirimentos enviados sobre terreos sitos no barrio Feijoo, Rúa Nova, Milagrosa, Gándaras, Garabolos ou Fontiñas pero tamén nos núcleos rurais de Carballido, Conturiz, San Xoan do Alto, o Veral e Santiago de Meilán – engadiremos agora outro medio cento de comunicacións cominando aos donos destes soares, a maioría deles ubicados na contorna de San Fiz pero tamén en Galegos, Castelo, Rúa Filgueiro ou Ángelo Colocci, a limpalos e eliminar a maleza que os invade e que afecta a outras superficies públicas e alleas”, referiu Álvaro Santos.

O edil responsable de área lembrou que a Lei do Solo de Galicia é nidia no que ten que ver cos deberes de uso e conservación

dos bens privados. “O artigo 135 recolle con concreción que os donos de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos nas condicións legais para servir de soporte a ditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles. Polo que, de non respectar o indicado pola lexislación, a área de Medio Ambiente incoará o correspondente expediente”.

Así, Santos explicou que, logo de trasladar unha notificación aos titulares das propiedades en desleixo, o procedemento continuará, co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que se formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas.

“Observamos que o escrito inicial está sendo, nalgúns casos, estímulo suficiente para que se proceda á roza do predio. Esta ten que incluír, se é preciso, tanto a eliminación de residuos como a súa desifección ou desratización. Mais, de non ser así – abondou  o concelleiro -  que saiba quen incumpre que procederemos á súa execución forzosa de forma subsidiaria, con cargo aos obrigados e mesmo coa imposición de multas coercitivas que irán dos 1.000 aos 10.000 euros, reiterables trimestralmente, ata lograr a execución das obras ordenadas que serán inspeccionadas polos servizos municipais correspondentes”.

Santos Ramos puxo de manifesto igualmente que, de xeito parello, a área de Medio Ambiente está a facer o propio nas parcelas e vías municipais para eliminar a vexetación que foi crecendo durante a primavera. Un cometido ao que incorporou máis medios, este último mes, co fin de apurar os traballos que non se puideron realizar durante o Estado de Alarma.

“Un mantemento permanente -  sostivo – que xa se efectuou nos barrios da Croa, A Cheda, Paradai, Albeiros, Aceña de Olga, Augas Férreas, Volta da Viña, Avenida de Madrid, Montirón, baixada ao Rato, O Castiñeiro, Casás, e mesmo no  Campo da Feira de Nadela e que continuará noutras localizacións nas vindeiras semanas”, concluíu.

Audio 

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre as ordes de execución | Descargar mp3

Noticias relacionadas