Lugo e Ferrol escriben un novo capítulo do seu irmandamento durante a festividade de San Xiao

A Alcaldesa puxo en valor o máis dun século de historia das relacións de amizade entre ambas cidades, que datan de 1906, e desexou “outros cen anos de tan fructífera colaboración”

A rexedora lucense e o ferrolán reivindicaron o potencial turístico dos dous municipios para impulsar o crecemento socioeconómico, e situaron como prioridades a creación de emprego e o benestar social 

A Corporación de Lugo participou na entrega do título de Ferrolán do Ano ao popular actor Javier Gutiérrez e das Insignias de Ouro da cidade a catro persoeiros e institucións cunha significada labor no ano que vén de rematar

Xoves, 07 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo e Ferrol escribiron este xoves un novo capítulo do seu irmandamento durante a festividade de San Xiao, patrón da cidade departamental. A Alcaldesa lucense, Lara Méndez, e o ferrolán, Jorge Suárez, presidiron os actos conmemorativos, que tiveron lugar no teatro Jofre e contaron coa presenza de representantes das respectivas Corporacións. A xornada arrancou coa firma da rexedora no Libro de Ouro do Concello de Ferrol cunha dedicatoria na que subliñou a honra de que a súa primeira visita institucional como Alcaldesa a outra localidade fose precisamente ao “pobo irmán” de Ferrol, e puxo en valor o máis dun século de historia das relacións de amizade entre ambas cidades, que datan de 1906,  desexando “cen anos máis de tan fructífera colaboración”.

De seguido, tivo lugar a tradicional entrega de distincións aos persoeiros e entidades ferrolás que máis se teñen significado no ano que vén de rematar polos seus méritos profesionais e a súa contribución á construción social. O popular actor Javier Gutiérrez, gañador dun Goya, recibiu o galardón de Ferrolán do Ano, mentres que as Insignias de Ouro da cidade foron para a Comunidade Terapéutica de Asfedro (Asociación Ferrolana de Drogodependencias), un dos poucos centros públicos de Galicia para tratar esta adición e que no 2015 cumpriu o primeiro cuarto de século; para a primeira muller decana dos avogados de Ferrol, Nieves Santomé; a Sociedade Galega de Historia Natural, creada en 1973; e o grupo Conversas, pola súa loita contra as violencias machistas.

No acto, a rexedora lucense e o ferrolán reivindicaron o potencial turístico dos dous concellos para impulsar o crecemento socioeconómico e, “aínda tendo modelos de cidade distintos porque temos características diferentes”, situaron como prioridades comúns “o emprego, e o benestar e a xustiza social”. Posteriormente, como tamén é tradicional, os dous Alcaldes intercambiaron obsequios institucionais. A Banda Municipal de Ferrol puxo o broche musical á xornada.

Multimedia

Noticias relacionadas