Lugo arranca 2016 con boa saúde turística

A Oficina Municipal de Turismo atendeu a máis de 1.500 persoas en xaneiro, un 28% máis que o mesmo período do ano pasado. O 94% dos visitantes eran españois, o que demostra o comportamento positivo do turismo nacional

O MIHL foi o museo máis visitado de Lugo no mes de xaneiro. Por esta instalación museográfica innovadora pasaron preto de 600 persoas, un 20% máis que no 2015

Venres, 05 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo arranca o ano 2016 con datos turísticos positivos. A Oficina Municipal de Turismo atendeu a máis de 1.500 persoas en xaneiro, un 28% máis que o mesmo período do ano pasado. O 94% dos visitantes que se achegaron a Praza do Campo eran españois, o que demostra o comportamento positivo do turismo nacional. Os catalanes están á cabeza dos visitantes nacionais en xaneiro, representando un 23% do total de españois, seguidos dos procedentes de Madrid (215), Asturias (183) e Andalucía (96). Entre os preto de 100 visitantes foráneos, atópanse 23 portugueses, 18 arxentinos, 14 procedentes do Reino Unido, 13 de Xapón e 10 de Brasil. Á Praza do Campo tamén se achegaron solicitar información americanos (7), franceses (4) ou alemanes (2), entre outros.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, mostrou a súa satisfacción por incrementarse un mes máis o número de visitantes, sufrindo un aumento dun 92% dende o ano 2.000. Así mesmo, subliñou que se continuará a traballar para conseguir a pernoctación na cidade e recoñeceu que a Muralla continúa a ser o atractivo fundamental de Lugo, “pero tamén os novos dous Bens Mundiais, o Camiño e a Catedral, así como a nosa gastronomía”. Neste senso, a edil destacou que Lugo é cada vez unha cidade máis atractiva para eventos e puxo como exemplo a Volta Ciclista a España, que “se vén a Lugo é porque somos atractivos turísticamente”.

O MIHL, o máis visitado

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) foi o museo máis visitado de Lugo no mes de xaneiro. Por esta instalación museográfica innovadora pasaron preto de 600 persoas, un 20% máis que no 2015. A Domus do Mitreo recibiu unhas 590 visitas, mentres á Casa dos Mosaicos entraron preto de 540 persoas. Ao centro expositivo de Porta Miñá e o de San Roque achegáronse preto de 180 persoas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre novos datos turísticos de Lugo|Descargar mp3

Noticias relacionadas