Localmente Lucense encherá de vida A Tinería todo o ano con cine, música, mercados e recreacións históricas para dinamizar o barrio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou aos colectivos da zona o programa municipal específico de accións previstas para “atraer clientela aos negocios e reactivar a economía”.

A estratexia lanzada inclúe, ademáis das accións en rúa, formación en dixitalización, asesoramento empresarial, accións de networking e estudos para incrementar as vendas.

A rexedora, acompañada da edil de Desenvolvemento Local, aproveitou para compartir ideas e suxestións, así como para consensuar posibles datas das actividades a realizar.

A iniciativa enmárcase na estratexia de reconstrución e reactivación social e da economía dos barrios de Lugo, que conta cun investimento dun millón de euros e actuará en todo municipio.

Sábado, 19 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Localmente Lucense encherá de vida A Tinería todo o ano con cine, música, mercados e recreacións históricas para dinamizar o barrio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, presentou aos comerciantes e hostaleiros da Tinería as actuacións que se van a desenvolver de maneira específica neste barrio do centro histórico da cidade dentro da campaña Localmente Lucense. Na reunión tamén participaron representantes da Asociación Itineris e da Asociación de Veciños, Comerciantes e Empresarios da Tinería.

Serán máis de medio centenar de accións de rúa as que se desenvolverán durante todo ano para que A Tinería se enche de vida e atraia visitantes e, polo tanto, clientela, pero tamén se desenvolverán numerosas accións en formación para os empresarios da zona.

“Desde o Concello, coa estratexia Localmente Lucense, de orgullo de barrio, queremos dinamizar o barrio co fin de que os lucenses se acerquen a coñecer esta zona emblemática da cidade e que a inclúan nas súas dinámicas de ocio e de compra”, sostivo a rexedora, quen engadiu que, “ademais, queremos axudar a formar aos empresarios para que teñan máis ferramentas para dirixir mellor os seus negocios e fidelizar aos seus clientes”.

“Os barrios son o centro da vida neurálxica de Lugo”, sostivo Lara Méndez, e polo tanto, tras a pandemia, “o Concello traballará man a man coa veciñanza para axudar a súa recuperación económica, é un traballo que debe ser de equipo”.

A programación de dinamización na rúa na Tinería incluirá, de abril a setembro, cine ao aire libre, actuacións musicais con grupos locais coa volta dos Tardeos e Noiteos, que tanto éxito tiveron cando os lanzamos na pandemia, espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento para todas as idades, tamén para os máis pequenos. Desenvolveranse, ademais, mercadillos, eventos grastronómicos e xornadas de recreacións históricas.

Así mesmo, os empresarios do barrio poderán participar nas distintas programacións estacionais en datas sinaladas, como as rebaixas de verán e inverno, o Samain, o Nadal ou San Valentín

Durante a reunión, a alcaldesa e os comerciantes e hostaleiros participantes buscaron consensuar datas e lugares concretos para a organización destas actividades, que serán anunciadas a través das canles do Concello e as propias da campaña.

Así mesmo, Lara Méndez trasladoulles as diferentes iniciativas que se porán en marcha dentro da programación de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, que constitúe o outro piar da campaña.

Neste senso, se celebrará unha xornada de portas abertas no viveiro de empresas do Concello, dirixida a emprendedores, alumnado de institutos, entidades financieiras e cidadanía en xeral, e realizaranse ambiciosos programas de formación en áreas como administración e xestión, atención ao cliente, marketing, compras, comunicación, informática e comunicacións, internacional, marketing dixital, packaging, promoción e venda. Tamén haberá asesoramento ‘in situ’ sobre escaparatismo, ou iluminación. A plan inclúe almorzos de negocios, charlas con empresarios locais e expertos nacionais e actividades de dinamización polo Día Internacional do Emprendemento.

A maiores, segundo explicou a rexedora, ofrecerase a elaboración dun estudo individualizado a 50 empresas da Tinería, do CEI Nodus e do Coworking municipal, co obxectivo de fomentar o incremento de ventas nos viveiros do Concello, favorecendo que as empresas optimicen custos e que fidelicen aos seus clientes.

O proxecto ‘Localmente Lucense, orgullo de barrio’, na que o Concello destina preto dun millón de euros, enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo, deseñada pola rexedora para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.

Noticias relacionadas