Lara Méndez pon en valor o arte urbano de Lugo durante a presentación do selo dedicado ao mural de Julio César impulsado pola concellería de Xuventude

O selo do Julio César de Lugo forma parte da serie filatélica “Arte Urbano” e conta cunha tirada de 124.000 exemplares, cun valor de 1,75 euros a unidade.

A emisión foi presentada hoxe pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o autor do mural, Diego As; e a directora de Filatelia de Correos, Leire Díez.

Martes, 14 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en valor o arte urbano de Lugo durante a  presentación do selo dedicado ao mural de Julio César impulsado pola concellería de Xuventude

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidía hoxe a presentación do selo dedicado ao mural de Julio César. Considerado como o Mellor Mural do Mundo 2021, que Correos puxo en circulación no mes de febreiro como unha homenaxe a “esta extraordinaria manifestación de arte urbana que temos na nosa cidade” apuntaba.

A rexedora explicou que se leva impulsando a arte urbana desde o 2009, como unha forma de expresión que non só embelece a cidade, senón que nos permite enxalzar ideas e valores ao tempo que puxo en valor o programa Urban Cores “no que temos a gran sorte de contar tamén con Diego As. Un programa que o pasado domingo remataba a súa segunda edición - no marco da programación da capital da cultura do Eixo Atlántico - e co que, non só estamos a fomentar a arte urbana e contemporánea senón que ten unha importante compoñente social xa que permite achegar á mocidade ao arte a través da formación e a participación nos diferentes traballos” explicaba Méndez recordando que “en Lugo contamos coa primeira rúa de Galicia convertida en museo de arte urbana ao aire libre: a rúa do Esquecemento”.

Á presentación, celebrada no consistorio da capital lucense, asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o artista autor do mural, Diego As; e a directora de Filatelia de Correos, Leíre Díez. No acto realizouse un matasellado de honra.

Correos dedica o completo da imaxe do selo á obra do lucense Diego As, nunha instantánea en contrapicado, que destaca o impoñente do mural. Pintado na rolda da Muralla, lembra o pasado romano de Lugo cun retrato en escala de grises do emperador romano que xa se converteu en parada obrigatoria na cidade, sumándose aos seus atractivos turísticos.

A emisión filatélica conta cunha tirada de 124.000 exemplares, a un valor de 1’75 euros cada selo. O selo pode adquirirse en calquera oficina de Correos e tamén contactando co Servizo Filatélico no e-mail atcliente.filatelia@correos.com ou chamando ao 915 197 197.

A maior plataforma de arte urbana do mundo, Street Art Cities, considerou o mural lucense gañador do ano 2021 a nivel internacional. Esta aplicación permite coñecer máis de 15.000 obras situadas en máis de noventa países. O Julio César de Lugo obtivo o primeiro premio tras recibir máis de 60.000 votos, sendo o máis valorado de entre un centenar de obras de todo o mundo, entre elas, 16 españolas.

Multimedia

  • Lara Méndez pon en valor o arte urbano de Lugo durante a  presentación do selo dedicado ao mural de Julio César impulsado pola concellería de Xuventude

Noticias relacionadas