Lara Méndez implica á cidadanía na estratexia Lugo en Bicicleta para acadar unha mobilidade sostible en desprazamentos urbanos

A alcaldesa reuniu a primeira Mesa Observatorio, integrada por colectivos e institucións, para traballar de maneira conxunta en accións de fomento do uso cotián da bicicleta.

“Que o cambio é unha obriga o vimos xa este verán coas altas temperaturas atípicas que sufrimos, e o tráfico rodado é o que máis contribúe ao quecemento global”, dixo.

Traballarase no fomento da bicicleta entre os nenos, estudantes e traballadores; formación, oportunidades de emprego a a adxudicación dun servicio de aluguer.

As cidades nas que os traslados diarios son inferiores aos 5 quilómetros son as máis propicias para trasladarse en bici de xeito habitual. En Lugo representan o 76,7% do total.

Venres, 29 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez implica á cidadanía na estratexia Lugo en Bicicleta para acadar unha mobilidade sostible en desprazamentos urbanos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Xuventude e Deporte, Mauricio Repetto, anunciou hoxe a posta en marcha da estratexia Lugo en Bicicleta, encamiñada a  transformar a mobilidade da cidade co fin de que sexa climáticamente neutra, “é dicir, que poidamos rebaixar os niveis de contaminación medioambiental e acústica así como mellorar a saúde de cidadanía, e para iso poremos en marcha accións para impulsar entre a veciñanza o uso da bicicleta nos seus desprazamentos urbanos habituais en detrimento do vehículo”.

A rexedora incidiu na necesitade de que as cidades dean pasos nese sentido: “Que este cambio é unha obriga o estamos a ver este mesmo verán coas altas temperaturas atípicas que sufrimos, nunha mostra máis de que debemos actuar de xeito responsable fronte ao cambio climático. E o tráfico rodado é o factor que máis contribúe ao quecemento  global”.

O Concello, consciente de que a transformación da mobilidade é tamén un cambio cultural, activará esta estratexia da man da cidadanía, a través da Mesa Observatorio no marco do Centro de Promoción da Bicicleta, que hoxe se creou e que xa mantivo a primeira reunión. Integrada por colectivos e institucións vinculados ao mundo da bicicleta e dos potenciais usuarios, como a Universidade, as ANPAs, os clubs ciclistas, os comercios especializados en ciclismo de Lugo, o grupo Mulleres en Forma e Masa Crítica, a súa finalidade é manter un diálogo permanente para pór en marcha accións de incentivación, comunicación e concienciación sobre os beneficios saudables e medioambientais.

Na mesa poderán participar máis colectivos, segundo explicou a rexedora, que explicou que entre os seus obxectivos “está o fomento do uso da bicicleta entre os nenos, estudantes e traballadores; a formación, especialmente en colectivos que hoxe en día menos usan a bicicleta, como poden ser as mulleres; mellorar as infraestruturas ciclistas; impulsar o emprego xa que a aposta pola bicicleta abre novas oportunidades, incluso vinculadas co turismo, e mesmo a adxudicación dun servizo de bicicletas na cidade”.

Lara Méndez anunciou tamén que os 14 quilómetros de senda verde ciclista urbana están xa en funcionamento. “A súa creación é unha aposta para dotar dunha infraestrutura segura e que facilite rutas directas entre varios puntos á poboación para facilitar os seus desprazamentos habituais. Sen ofrecer esta posibilidade, non se pode pretender un cambio de mobilidade en favor da bicicleta”.

A Alcaldesa incidiu en que  “é posible que se precise de certo tempo para o cambio de hábitos, como adoita suceder coas actuacións novas, pero é necesario avanzar para que as novas xeracións poidan desprazarse xa en bicicleta, soas e seguras, e afacerse ao seu uso cotián”. Neste senso, indicou que nos vindeiros días celebrarase a primeira actividade de concienciación.

Lugo con potencial

Sobre o potencial da utilización da bicicleta en Lugo, a Alcaldesa argumentou que é total porque, “as cidades máis propicias son aquelas nas que unha elevada porcentaxe dos desprazamentos diarios son inferiores aos 5 quilómetros. No noso caso, representan o 76,7% do total. Para estas distancias, a bicicleta, tal e como demostran diversos estudos, é o vehículo máis rápido porta a porta. Ademais, polas dimensión da cidade e a súa alta porcentaxe de desprazamentos internos -o 90,9% das viaxes por motivo de traballo realízanse dentro do propio municipio-, realza o papel que pode ter a bicicleta como verdadeira opción de transporte cotián”.

Senda verde ciclista

Os 14 quilómetros da primeira senda verde ciclista de Lugo une 8 barrios da cidade entre si e a estes co Miño, cumprindo así tamén un compromiso de seguir avanzando na inclusión da trama urbano na contorna fluvial.

O itinerario, todo con continuidade, completa un circuíto e foi deseñado pensado para que cidadanía poida  utilizar a bicicleta nas súas viaxes cotiás. Por iso, o percorrido trazouse:

  • Para que fosen rutas seguras, para os ciclistas e tamén para os peóns, valorando así mesmo, a densidade de tráfico e as pendentes das rúas. Por este motivo, conviven carrís bici segregados (de cor verde) nas rúas con maior ancho, que representan o 50% da senda, cos viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reduce ao 20%.
  • A rectitude do itinerario, buscando os traxectos máis curtos e directos que conecten distintos puntos, e cos mellores tempos de percorrido, para favorecer o uso a bicicleta como transporte habitual.
  • A cohesión interna da ruta, e tamén a súa conexión con outras redes de mobilidade como o autobús urbano.
  • A eliminación do menor número de prazas de estacionamento, creándose, ademais, novos aparcamentos alternativos. Pérdense pouco máis dun centenar de prazas en todo o itinerario.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o "Lugo en Bicicleta" | Descargar mp3

Noticias relacionadas