Lara Méndez e Conde estableceran ámbitos de colaboración para impulsar o investimento a través do Lugo Transforma

A alcaldesa lucense e o Conselleiro de economía acordaron oficializar liñas de apoio a través do fondo emprendedor municipal para radicar novas empresas no municipio.

Ambas as dúas administracións abren canles de comunicacións constante con fin de vehicular propostas que axuden a diversificar o tecido empresarial e crear emprego.

Mércores, 03 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Conde estableceran ámbitos de colaboración para impulsar o investimento a través do Lugo Transforma

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez adquiriu o compromiso do Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación Francisco Conde para apoiar a estratexia Lugo Transforma, fondo emprendedor municipal co que o Concello mobilizara 12 millóns de euros a través dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos e empresas para a cidade.

Na xuntanza, onde estaban presentes tamén o director de XesGalicia, Rubén Aguión e o coordinador de órganos directivos do Concello, Manuel Vázquez, a rexedora explicou as bases do fondo, que se articulará a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital de risco, o que converte a iniciativa en pioneira no ámbito municipal galego.

Neste senso, Lara Méndez incidiu en apostar en proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta captación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental, “acorde co modelo de cidade que estamos a desenvolver en Lugo, verde e sostible, a través de estratexias pioneiras en urbanismo sostible e en cidades neutras en carbono, que nos sitúan a vangarda de Europa, como é a creación do primeiro barrio multiecolóxico de España”. Entre os sectores que se falaron como estratéxicos, tamén se comentou a capacidade de atracción de empresas derivadas do polo aéreo-espacial das Rozas.

O conselleiro felicitou a alcaldesa pola iniciativa, “que ven a reforzar o ecosistema galego de financiamento”, e propuxo dar pasos para oficializar ámbitos de colaboración entre o concello e a Xunta para darlle un maior impulso ao fondo emprendedor estudiando liñas de colaboración, como a posibilidade de que o Goberno galego entre como coinvestidor dos proxectos empresariais que se atraian para o municipio.

A alcaldesa agradeceu o ánimo colaborador da Consellería de Economía, “nun momento en que as administracións deben de camiñar xuntas da man para que a recuperación da pandemia sexa axiña unha realidade”.

Noticias relacionadas