Lara Méndez destaca o gran traballo do alumnado do obradoiro tecnolóxico do CEI-Nodus, “importante para a súa inserción laboral”

No taller, impulsado polo Concello de Lugo e dotado cun orzamento de 390.492 euros, aprenden 16 alumnos de idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos.

A duración dos talleres, que comezaron o pasado mes de xullo, é de un ano, tempo no que as e os asistentes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional.

Luns, 18 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca o gran traballo do alumnado do obradoiro tecnolóxico do CEI-Nodus, “importante para a súa inserción laboral”

 A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, achegáronse hoxe ao Centro Municipal de Emprendemento (CEI-Nodus) para saudar aos 16 rapaces e rapazas que están a participar no obradoiro impulsado polo Concello de Lugo, START IOT 5.0. Acudiron acompañadas do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Os talleres, que buscan mellorar a empregabilidade dos e das lucenses a través da formación, ao mesmo tempo que cobran un soldo, ensinan aos participantes a desenvolver páxinas web así como aplicacións tecnolóxicas co fin de “promover a calidade no emprego ao tempo que propiciamos a integración da mocidade no mercado laboral nun sector que está moi en auxe”, apuntou Lara Méndez.

A duración dos talleres, que comezaron o pasado mes de xullo, é de un ano, tempo no que os e os asistentes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional.

A rexedora aproveitou a ocasión para coñecer máis a fondo as diferentes tarefas que se están a executar e poñer en valor o excelente traballo levado a cabo nestes meses tanto pola dirección e os monitores como polo alumnado, e que ten como resultado a realización de “material moi profesional”. Lembrou que nestes obradoiros se crearán “os contidos dos dispositivos dixitais instalados no casco histórico e que, a través dun sistema innovador de cartelaría interactiva, permitirán aumentar a visibilidade dos establecementos e dos seus produtos e servizos, facilitando a orientación de novas estratexias de fidelización e venda”. “Estas pantallas dixitais se enmarcan na primeira experiencia piloto que se pon en marcha en España”, aclarou.

Pola súa banda o alumnado, mostrou a satisfacción polo obradoiro e comentaron a importancia que ten para eles recibir unha formación deste tipo que ofrece a posibilidade de que a mocidade lucense poida formarse e ter a oportunidade de atopar traballo nun futuro próximo.

Os obradoiros, dotados cun orzamento de 390.492 euros e financiado en máis do 90% polo Fondo Social Europeo, “buscan promover a continuidade dos programas académicos coa finalidade de obter os certificados de profesionalidade e mellorar a empregabilidade dos participantes favorecendo a súa cualificación e inserción, previndo no posible e minimizando os períodos de desemprego, o que se constitúe como unha das prioridades deste goberno”, sinalou a rexedora.

Noticias relacionadas