Infraestruturas mellora a accesibilidade do Carril dos Indios

Rubén Arroxo: “con esta mellora tratamos de dar solución ás solicitudes veciñais que recibimos”

A concellería de Infraestruturas inviste 29.026,69€ para cambiar as baldosas por baldosas tipo punta de diamante, que permiten maior adherencia

Mércores, 13 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Infraestruturas mellora a accesibilidade do Carril dos Indios

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron o Carril dos Indios, onde se están a realizar unha serie de melloras da accesibilidade no treito que discorre entre a ronda de Fontiñas e San Eufrasio. Rubén Arroxo explicou que “recibimos unha serie de solicitudes por parte da veciñanza da zona pedíndonos a mellora da accesibilidade nesta rúa debido á elevada pendente, o que producía problemas especialmente á poboación de maior idade”.

A solución adoptada por Infraestruturas consiste na substitución da beirarrúa por baldosas tipo punta de diamante, con maior adherencia, e a instalación de varandas no lado da rúa onde non hai prazas de estacionamento. O paso de peóns distinguirase con baldosas de botóns seguindo a normativa vixente. En total, Infraestruturas inviste 29.026,69€ na mellora da accesibilidade neste treito do Carril dos Indios, o que, segundo lembrou Rubén Arroxo, “se complementa coa actuación levada a cabo o ano pasado na parte superior do carril, e completa a mellora da accesibilidade nesta zona”.

O Tenente de Alcalde agradeceu as solicitudes que as veciñas e veciños dos distintos barrios transmiten ás distintas áreas do goberno municipal. “Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas planificamos o traballo tanto coa información que nos fan chegar as veciñas e veciños dos barrios e coas distintas visitas que realizamos para coñecer de primeira man as necesidades de cada zona”, declarou Rubén Arroxo, que engadiu “iso, xunto coas visitas que realizamos aos distintos barrios son os piares da planificación de traballo que realizamos por toda a cidade, que buscan mellorar a calidade de vida  e o benestar das veciñas e veciños”.

Audio

  • O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre o Carril dos Indios| Descargar mp3

Multimedia

  • Infraestruturas mellora a accesibilidade do Carril dos Indios

Noticias relacionadas