Entra en funcionamento a gasinera que abastecerá de forma sostible á frota de vehículos do servizo municipal de limpeza Luce Lugo

A estación, que ten carácter provisional ata a construción da planta definitiva, está operativa dende esta mesma semana nas instalacións de EcoLugo no Ceao.

Unha vintena de camións e varredoras poderán fornecerse de GNC para circular e realizar o seu cometido de aseo viario e recollida de lixo, diminuíndo as emisións contaminantes á atmósfera.

O Executivo de Lara Méndez avanza así na consecución dos obxectivos que, en materia de sostibilidade, incluían os pregos da nova adxudicación.

Xoves, 13 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entra en funcionamento a gasinera que abastecerá de forma sostible á frota de vehículos do servizo municipal de limpeza Luce Lugo

O servizo municipal de limpeza viaria Luce Lugo dispón xa, nas súas instalacións do Ceao, dunha gasinera provisional que surtirá de GNC (Gas Natural Comprimido) á frota de vehículos empregados nas tarefas de aseo da cidade e para a recollida de lixo.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández, comprobou o inicio da posta en marcha desta planta que se manterá ata a creación da definitiva estipulada no contrato.

“Unha vintena de camións e varredoras poderán abastecerse con GNC grazas á entrada en funcionamento desta pequena estación que, a pesar do seu reducido tamaño, exerce un cometido transcendental en tanto nos permitirá operar dunha maneira máis eficaz e sustentable, conforme aos elevados parámetros de sostibilidade cos que foi concibida a prestación cando se abordou a súa renovación”, afirmou o edil.

Fernández fixo fincapé en que unha das principais vantaxes, fronte a outros combustibles, é que o Gas Natural produce unha porcentaxe mínima de dióxido de carbono, “polo que resulta moito menos contaminante, xa partindo de que a súa procedencia ten orixe no tratamento de refugallos orgánicos”, ao tempo que explicou que a planta provisional, que permite a subministración en continúo, se nutre directamente da liña de gas que pasa por diante do recinto, “ofrecendo a posibilidade de fornecerse del directamente dende esta liña e os compresores que o converten en GNC ou de almacenalo en botellas”.

Neste sentido, o responsable da área asegurou que se avanza, así, no cumprimento dun dos principais eixes da nova adxudicación como é o de minimizar todo o posible o impacto medioambiental ao ecosistema e as molestias ocasionadas á cidadanía pola execución dos traballos.

“Seguimos dando pasos na consecución de obxectivos en materia de sostibilidade logo da incorporación de vehículos híbridos ou eléctricos que, alén de resultar máis beneficiosos para a conservación do planeta  xeran moito menos ruído durante o seu uso e, polo tanto, permiten conciliar mellor as tarefas de limpeza da cidade coas necesidades de descanso da veciñanza”, engadiu o concelleiro.

Miguel Fernández avanzou tamén que o proxecto para a construción da planta de gas definitiva, que se ubicará nunha parcela municipal de 12.000 metros cadrados cedida polo Concello ao efecto, continúa a súa tramitación segundo o previsto, de forma que, esta mesma semana o Estudo de Detalle xa foi presentado para a súa valoración por parte dos servizos municipais, mentres que a incorporación de maquinaria estipulada no prego se está a realizar de acordo aos prazos establecidos.

Noticias relacionadas