Emprendedores de Lugo recibirán de xeito gratuíto formación e apoio integral para crear con éxito novas empresas da man do Concello e a EOI

Hoxe púxose en marcha para os vindeiros dous anos o Coworking de Lugo, froito dun acordo de colaboración entre o Concello e a Escola de Organización Industrial, cofinanciado polo Fondo Social Europeo

A Alcaldesa e o Director de Innovación da EOI presentaron este programa, que acollerá o CEI-NDOUS, e cuxo obxectivo é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de viabilidade e futuro dos proxectos emprendedores

Queda aberto ata o 28 de novembro o período de inscrición para os proxectos emprendedores de Lugo que desexen participar nesta primeira convocatoria, a través da web www.lugo.gal ou en www.eoi.es

Luns, 07 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Emprendedores de Lugo recibirán de xeito gratuíto formación e apoio integral para crear con éxito novas empresas da man do Concello e a EOI

Emprendedores de Lugo poderán recibir apoio integral para crear con éxito novas empresas grazas ao espazo coworking que se habilitou no Centro de Empresas e Innovación (CEI-NOUS), no marco dunha actuación impulsada conxuntamente polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), coa cofinanciación do Fondo Social Europeo (FSE). O programa terá lugar nas instalacións do CEI-NODUS durante dous anos e prevese que haberá catro convocatorias sucesivas que se desenvolverán ao longo de 5 meses cada unha. Beneficiaranse uns 22 proxectos por convocatoria, de calquera tipo de sector, premiándose o cooperativismo e proxectos levados a cabo por colectivos vulnerables, participando en total nesta iniciativa uns 88 proxectos, nos que poderán tomar parte unhas 260 persoas, dado que cada proxecto pode atender a 3 persoas.

A presentación do espazo coworking tivo lugar este luns, no Salón de Plenos, nun acto no que participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director de Iniciativa Emprendedora, Innovación e PEMES da EOI, Miguel Sánchez, e o que será o mentor residente-coordinador dos proxectos lucenses, Roberto Touza, que coincidiron en destacar a importancia da cooperación entre administracións e organizacións para darlle un impulso ao emprendemento, proporcionándolles a todos os emprendedores os recursos precisos para que o seu proxecto sexa solvente, tanto espazos de traballo, como formación ou titorización. Así mesmo, ambos os tres coincidiron en chamar á inscrición para participar nesta iniciativa, que consiste nun acompañamento paso a paso para lanzar un proxecto con garantías de futuro. O prazo será ata o 28 de novembro, a través da web www.lugo.gal ou en www.eoi.es.

Durante o acto de presentación, a rexedora ensalzou a figura do emprendedor, “que deberíamos chamalo heroe”, ben sexa por necesidade, o 73,5% dos emprendedores, ou por oportunidade, o 24,8%. “De todas formas, independentemente de por necesidade ou oportunidade, o que está claro é que o Concello e EOI temos que garantir ese éxito e axudar a ese emprendedor”, subliñou Lara Méndez, quen puxo en valor a importancia da actividade que levan a cabo os emprendedores e as PEMES, que xeran preto do 70% do emprego do país, o que os sitúa como principal motor da economía.

“Para o goberno o emprego é algo fundamental, ao igual que inculcar e apoiar a cultura do emprendemento”, continuou a Alcaldesa, ao tempo que lembrou outras medidas a favor do emprego levadas a cabo polo Concello, como o plan de emprego 100% municipal, (Con) trato feito!, ou os obradoiros Emprega-TIC, que se suman, entre outros, ao Plan Mellora Lugo.

A Alcaldesa tamén fixo fincapé neste Coworking como un revulsivo máis para o CEI-NODUS, e un reforzo para estas instalacións que recentemente acolleron a sede de AJE Galicia, así como outras máis de 20 firmas que funcionan no seu viveiro de empresas, cos que poderán crear sinerxías.

Un apoio asentado sobre 5 piares
Tal e como adiantou Sánchez, quen agradeceu a confianza da Alcaldesa neste proxecto, o Coworking aséntase sobre 5 piares: obradoiros de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento.

Pola súa banda, Touza subliñou a dificultade para montar unha empresa, de aí a importancia de proxectos como o Coworking, que inclúen asesoramento personificado e individualizado para sacar adiante proxectos, paso por paso, centrándoo en aspectos como recursos humanos, competencias, comercialización ou xestión de equipos. Trátase de aumentar a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores de Lugo nun período limitado de tempo, identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento e facilitando a súa posta en marcha e consolidación.

Orzamento
Ao amparo do correspondente convenio de colaboración, o Coworking contará cun orzamento conxunto de 800.000 euros. A EOI achega o 80%, é dicir, 640.000 euros –que á súa vez proceden do Fondo Social Europeo- e o Concello, o 20% restante, 160.000 de fondos propios, 40.000 en cada unha das catro edicións.

O de Lugo é un dos máis de 50 Coworking que a EOI ten en España e un dos 11 en Galicia, para emprendedores, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos mellores proxectos empresariais presentados.

Audio

Máis información 

Noticias relacionadas