Continúa o proceso de participación cidadá co que Lara Méndez pretende transformar de forma consensuada o Centro Histórico

A alcaldesa de Lugo mantivo un encontro coa veciñanza do barrio á que trasladou, de forma rigorosa e detallada, os proxectos de peonalización e de creación dunha Zona de Baixas Emisións na contorna.

A xuntanza segue ás realizadas dende novembro con representantes da hostalaría e do comercio, entre outros colectivos, e tamén con técnicos municipais.

No transcurso da mesma, a rexedora atendeu e deu resposta ás dúbidas expostas polas persoas asistentes sobre diferentes cuestións relativas á habitabilidade intramurallas.

“Mantemos aberto un fío de diálogo permanente para propiciar a implicación social no deseño da nova normativa de circulación que terá en conta as inquedanzas e necesidades dos e das lucenses para mellorar a súa calidade de vida”, sinalou Méndez.

Xoves, 15 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Continúa o proceso de participación cidadá co que Lara Méndez pretende transformar de forma consensuada o Centro Histórico

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, continúa co proceso de escoita e participación que iniciou xa en novembro para avanzar, co máximo consenso posible, na transformación que está a impulsar no Centro Histórico.

Un cambio que virá da man non só de tres ambiciosos proxectos de peonalización que contan con financiación europea, senón tamén coa implantación dunha Zona de Baixas Emisións na contorna e coa modificación da Ordenanza Municipal de Circulación que afectará a toda a cidade.

Precisamente, ao abeiro dese procedemento participativo, tiveron lugar, ata a data, diferentes reunións con representantes da hostalería e do comercio, entre outros colectivos, así como cos técnicos municipais. E onte, a xuntanza se dedicou a atender as inquedanzas das persoas residentes neste barrio da capital. Un encontro que se celebrou, cun elevado aforo, no Centro Cívico Uxío Novoneyra.

A rexedora lucense valoraba moi positivamente o intercambio de opinións que se realizou durante o mesmo “porque nos permitirá completar, coa perspectiva de quen vive nesta área, as medidas que resulta necesario implementar para mellorar a convivencia e a compatibilidade de actividades que sen dan intramurallas co obxectivo de incrementar o confort e o benestar de toda a poboación”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa agradeceu a asistencia ao acto “en tanto nos permitiu achegarlles de primeira man, con todo o rigor e a información correcta e detallada, aspectos tan importantes como o calado das obras que se van realizar e a súa previsible cronoloxía e desenvolvemento, pero tamén aspectos técnicos relativos á creación da ZBE que a mesma consultora adxudicataria do proxecto explicou, incidindo na obrigatoriedade de acometela e desmontando temores sobre as repercusións que terá a súa entrada en vigor”.

Igualmente, Méndez comprometeuse a estudar a viabilidade das propostas realizadas no transcurso do debate no que os tenentes de alcaldesa, o voceiro do Goberno local, Miguel Fernández e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, tamén trataron de dar resposta ás dúbidas expostas sobre diferentes cuestións relativas á habitabilidade nesta parte da capital.

Para concluír, a rexedora abriu a posibilidade de manter unha segunda reunión veciñal no barrio do Centro Histórico e lembrou que o proceso participativo segue aberto, convidando á cidadanía a presentar as súas suxestións a través do correo axenda.urbana@lugo.gal.

“A implicación social é, para nós, tremendamente relevante, porque temos a firme vontade de que as actuacións que executemos gocen do beneplácito xeral, por iso continuamos receptivos ás súas opinións co obxectivo posto en seguir gañando espazos para as persoas, reducindo o tráfico e renaturalizando as contornas para minorar a contaminación, os niveis de ruído e a presión sobre o patrimonio pero, sobre todo, para mellorar a calidade de vida e dinamizar social e economicamente o Centro Histórico”, conluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas