A concelleira de Gobernanza convoca este venres aos grupos da Corporación á Mesa de Traballo das Ordenanzas

O encontro, que terá lugar ás 10, servirá para que tódalas formacións poidan presentar, en tempo e forma, as súas propostas de actualización da normativa municipal

Mércores, 24 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concelleira de Gobernanza convoca este venres aos grupos da Corporación á Mesa de Traballo das Ordenanzas

A concelleira da área económica, Paula Alvarellos, vén de convocar, para este venres ás 10 horas, a mesa das Ordenanzas.

Un grupo de traballo no que as formacións que integran a Corporación poderán presentar as súas propostas para modificar a normativa municipal co fin de actualizala e adaptala á realidade social do concello.

“Estou segura de que será un encontro moi produtivo ao que, dende o Goberno, acudimos coa total disposición non só de escoitar senón tamén de integrar aquelas aportacións que se realicen e que, segundo o criterio técnico, teñan viabilidade legal dentro do noso regulamento”, explicou a edil.

Paula Alvarellos indicou tamén que aproveitará a reunión para trasladar o labor desenvolvido durante os últimos meses polo departamento de Facenda Local e as variacións que, este ano, o executivo local ten previsto acometer no conxunto de Ordenanzas e que pasan, fundamentalmente, pola revisión de custos dalgúns gravames.

“Cambios que se engadirán aos que xa se incorporaron neste exercicio en 9 taxas co fin principal  de adaptalas ao actual marco normativo e gañar en concreción”, engadiu ao tempo que lembrou que “nesa ocasión, as suxestións da oposición non se puideron ter en conta porque as realizaron fóra de prazo e o seu debate extemporáneo condicionaría a necesaria aprobación das mesmas”.

Así a concelleira de Gobernanza salientou que, dende xaneiro de 2020, xa non é preciso pagar a Plusvalía se na trasacción se certifica que non houbo ganancias, ademais incluíronse novas formas de pagamento na Ordenanza Fiscal Xeral, actualizouse a normativa do Servizo nas Escolas Infantís para simplicar os procedementos de tramitación, engadíronse as cerimonias de benvida cidadá e acollemento civil aos actos que contempla a Ordenanza por Expedición de Documentos Administrativos, harmonizouse a redacción na Ordenanza de Aproveitamento Especial da Vía Pública e os espectáculos circenses e exposicións de animais pasaron a incluírse nun epígrafe xeral sobre eventos alén de incrementarse, até o 75%, a bonificación na rodaxe para os vehículos menos contaminantes.

Noticias relacionadas