Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 1 ao 3 de abril de 2022

Luns, 04 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Accidente de circulación con fuga do vehículo e alcoholemia

Ás 00:50 horas do día 2 de abril un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase a Rúa Alta xa que se produciu un accidente de circulación.

Ao chegar ao lugar os axentes observan que o valo perimetral dunha parcela en venda, fronte á estación do ferrocarril, atopábase danada e había restos dun vehículo. Compróbase que no interior non hai ninguén polo que se entende que o causante dos danos deuse á fuga.

Patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo inician a procura deste vehículo, sendo localizado na Avenida de Infanta Elena, observando que o condutor presenta signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,78 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria.

Púidose pescudar que o condutor solicitou a axuda de varios viandantes para empuxar o vehículo, sendo este inmobilizado. (Adxúntanse imaxes)

Accidente con alcoholemia

Sobre as 3:00 horas do día 3 de abril un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á Avenida das Américas xa que unha patrulla da Policía Nacional tiña parado un vehículo que, despois de causar danos a dous vehículos estacionados, deuse á fuga.

O equipo de Atestados levanta atestado polos danos causados e ao observar que o condutor presenta signos de embriaguez é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,88 mg/l, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Controis de alcoholemia

Na madrugada do día 2 de abril intensificáronse os controis de alcol e drogas, establecéndose filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, no que participaron patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio dun equipo de Atestados, detectando ás 00:20 horas un condutor na Avenida da Coruña que presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, lanzando un resultado POSITIVO de 0,38 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Ás 2:00 horas obsérvase que un vehículo saíuse da vía na Avenida República Arxentina confluencia coa Avenida de Magoi, presentando o condutor signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,68 mg/l, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencia por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 3:50 horas detéctase a circulación irregular dun vehículo pola Avenida República Arxentina, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,51 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Inspección establecementos públicos

Na madrugada do 2 de abril, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo continuaron co dispositivo activado para a inspección de establecementos de lecer nocturno, levantándose acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia a TRES establecementos da rúa Catedral por exceder o límite horario establecido, habendo un número importante de persoas no interior consumindo bebidas e con música.

Devanditos locais estaban abertos despois das 5:00 horas cando debían estar pechados ás 4:30 horas.

Así mesmo levantáronse actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar nun destes establecementos xente facendo uso dunha cachimba no interior e os camareiros non facían uso da máscara.

Na rúa Galicia foi denunciado un local polo mesmo feito, en noites diferentes, xa que estaba aberto ás 5:25 horas cando debía de pechar ás 5:00 horas. Por outra banda levantouse acta de denuncia por quebrantamento do horario de apertura a un local de lecer nocturno situado na zona de Augas Férreas.

Ao detectar por redes sociais que un local de Camiño Real publicitaba un “Show de estreeper ” e actuación musical dun “DJ”, realizouse unha inspección e ao non contar coa preceptiva autorización notificóuselle ao responsable que se abstivese da celebración de calquera tipo de espectáculo xa que carecía das condicións e autorizacións pertinentes. (Adxúntase imaxe)

Actuación musical sen autorización nun establecemento de hostalería

Na tarde do día 1 de abril unha patrulla acode a un local de hostalería do Carril das Flores xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen do establecemento. Os axentes comproban que na terraza comunitaria situada na parte posterior do bar hai varias persoas tocando instrumentos musicais a un volume moi elevado, que perturba o descanso da veciñanza, congregándose unhas 20 persoas que asisten á actuación.

Procédese á identificación do responsable o cal manifesta que carece de autorización administrativa por non solicitala, sendo requirido para que cese a actuación, o que fan ao momento, levantando acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Ruídos en vivendas

Ás 3:00 horas do día 2 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levanta acta de denuncia por infracción á Ordenanza Municipal de Protección Ambiental nunha vivenda da rúa Consello de Europa xa que dos baixos dunha das vivendas proviña un elevado ruído provocado por música en ton moi alto, sendo identificada a responsable á que se require para que cesen as molestias, o que fai ao instante, propoñéndose para sanción.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 5:50 horas do día 1 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a unha vivenda da Praza de San Lorenzo xa que unha persoa de avanzada idade caera da cama e non era capaz de levantarse. Os axentes observan que un home de 83 anos estaba no chan do dormitorio produto dunha caída, atopándose ben e rexeitando asistencia médica, polo que é auxiliado polos policías que o incorporan e déitano na cama, quedando ao cargo dun familiar.

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo
  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas