Benestar Social consensúa co tecido asociativo o funcionamento da futura Oficina Municipal de Voluntariado

A concelleira, Olga López Racamonde, en busca de acadar a máxima efectividade neste proxecto, recolleu as suxestións dos colectivos para que o novo servizo responda as súas necesidades.

Esta ferramenta permitirá a Administración local poñer en contacto ás persoas interesadas en realizar un voluntariado coas asociacións que levan a cabo ese labor asistencial.

Durante o encontro acordouse manter unha nova reunión o próximo mes de xaneiro para continuar avanzando no deseño do servizo e incorporar as demandas que poidan ir xurdindo nos diferentes colectivos.

Venres, 15 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar Social consensúa co tecido asociativo o funcionamento da futura Oficina Municipal de Voluntariado

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, está a consensuar co tecido asociativo da cidade o funcionamento da futura Oficina Municipal de Voluntariado. Deste xeito, a edila mantivo unha primeira xuntanza coa Rede de Voluntariado lucense onde explicou o proxecto as persoas responsables das asociacións. “O obxectivo deste primeiro encontro foi recoller as suxestións dos colectivos para intentar acadar a máxima efectividade no futuro funcionamento desta iniciativa. Esta ferramenta permitirá poñer en contacto ás persoas interesadas en realizar un voluntariado coas asociacións que levan a cabo ese labor asistencial. Por iso é necesario que o mudus aperandi se adapte ás necesidades específicas dos colectivos”, explicou López Racamonde.

“Consideramos fundamental prestar unha axuda transversal ao tecido asociativo da nosa cidade, que está a realizar un traballo fundamental para a sociedade lucense. Do mesmo xeito, precisamos canalizar todo o capital humano que atesoura o municipio e que está disposto a contribuír aportando a súa dedicación e o seu tempo na medida das súas posibilidades. Así nace este proxecto que aposta por un voluntariado informal e diverso que se adapte ás necesidades das asociacións pero tamén á dispoñibilidade e sensibilidade dos e das voluntarias”, sinalou a concelleira.

Durante o encontro, acordouse entre a responsable de Benestar e os e as representantes das asociacións manter unha nova reunión no vindeiro mes de xaneiro para continuar avanzando no deseño do servizo. “A nosa vontade é ir da man do tecido asociativo para garantir o éxito deste proxecto. É necesario recordar que se trata de asociacións con diferentes ámbitos de actuación que traballan en eidos que van desde o ensino, pasando pola cooperación ata chegar o labor asistencial. Por iso vanse manter xuntanzas periódicas con ánimo de ir afinando o modelo e incorporar as demandas que poidan ir xurdindo nos diferentes colectivos”, concluíu a concelleira.

Noticias relacionadas