Avanzan os traballos de roza no rural coa limpeza en simultáneo de Tirimol, Torible e Pías

O tenente de alcaldesa Miguel Fernández supervisaba a execución dos labores que inclúen a retirada de maleza das cunetas, paseos e campos da festa en todas as parroquias.

En total 20 tractores e 8 desbrozadoras manuais operan estas semanas para acondicionar os 750 quilómetros de estradas que ten o concello.

As tarefas redundarán na conservación das infraestruturas viarias pero, sobre todo, na seguridade da cidadanía.

Luns, 10 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Avanzan os traballos de roza no rural coa limpeza en simultáneo de Tirimol, Torible e Pías

Un total de 20 tractores e 8 desbrozadoras manuais se encargan dende fai varias xornadas de acondicionar os 750 quilómetros de estradas que ten o municipio de Lugo.

O dispositivo forma parte do Plan de Roza que cada ano pon en marcha a área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández.

“Concretamente – explicou o edil – estes días estase a traballar en Tirimol, Pías e Torible e proximamente o operativo se trasladará a Coeses, Monte de Meda e Meilán, seguindo o calendario previsto que alcanzará a todas as parroquias do concello”.

Os labores, aos que o Executivo de Lara Méndez destina 175.000 euros pretenden mellorar o estado de conservación das estradas pero, sobre todo, velar pola seguridade viaria da cidadanía.

“As intervencións céntranse en acometer unha limpeza mecánica e manual da maleza polas dúas marxes da vía, alcanzando paseos, gabias e noiros contiguos, ben en terraplén ou en desmonte e incluso as pólas das árbores ata obter un gálibo libre que permita circular con seguridade polas estradas ou camiños. Así mesmo, tamén se están a asear os campos da festa, explanadas ou prazas que sexan públicas, das que se fai un uso máis recorrente nos meses de verán”, indicou Fernández.

Para abordar a execución das tarefas, o contrato licitouse en dous lotes, “precisamente co obxectivo de permitir a súa simultaneidade nas zonas norte/leste e sur/oeste”, incidiu o responsable de Medio Rural, quen tamén lembrou que as adxudicatarias dispoñen dun prazo de tres meses para acometer a eliminación da maleza, tanto de forma mecánica como manual.

“Actuacións que se completan coa roza dos camiños e das pistas forestais que, durante todo o ano se acometen coa maquinaria do Parque Móbil non só coa finalidade de aumentar a comodidade das e dos condutores senón tamén para tratar de previr incendios”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o avance do Plan de Roza no Rural | Descargar mp3

Noticias relacionadas