Asinados os contratos para as obras de reurbanización en Torre de Doncos e as de acondicionamento de 363 novas prazas de aparcadoiro gratuítas no HULA

As primeiras foron adxudicadas en 131.800 euros e as segundas en 82.649 euros. Ambas teñen un prazo dun mes para o seu inicio

Venres, 24 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer que este venres se asinaron dous contratos para obras, cun total de preto de 215.000 euros. Ambas as tarefas teñen un prazo dun mes para o seu inicio.

Trátase por unha banda, da reurbanización integral da rúa Torre de Doncos, unhas obras adxudicadas en 131.800 euros que consisten na renovación dos firmes e pavimentos da calzada e as beirarrúas (que pasarán a ter 1,5ms en cada marxe), unha modificación lixeira da rasante da rúa para adaptala ás entradas das vivendas e garaxes, a substitución das redes de saneamento e abastecemento, a dotación de novo alumeado, que levará consigo o soterramento do cableado e a instalación de luminarias sobre báculos ao longo de toda a rúa. Completan as actuacións destas tarefas incluídas no Plan de Barrios, a sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución das obras é de 4 meses.

Por outra banda, asinouse o contrato das obras de acondicionamento da parcela municipal situada en fronte do HULA como aparcadoiro público e gratuíto, por un orzamento de 82.649 euros. Dos 25.000 m2 de superficie que ten a parcela municipal situada en fronte do HULA, adecuaranse como aparcamento 12.200, que terán capacidade para 363 vehículos. Os traballos precisos consisten no movemento de terras para a explanación e nivelación do terreo, que se cubrirá con zahorra, e a instalación dun peche perimental vexetal de tulla. Así mesmo, protexerase a mámoa cun peche de madeira, formado por postes verticais unidos por elementos horizontais tamén de madeira, formando dúas barandillas a distintas alturas, a 5 metros de distancia dos restos arqueolóxicos. As actuacións levarán aparellado un control arqueolóxico na parcela e teñen un prazo de execución de 3 meses.

O novo aparcadoiro público e gratuíto en fronte ao HULA cumpre unha gran demanda veciñal e complementa a ampliación das prazas que xa fixo o Goberno no 2016 coa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario. Con ambas actuacións, crearanse só neste mandato 513 novas prazas de balde, o que contribuirá a paliar os problemas de aparcamento existentes que se encontran os usuarios do hospital, entre 3.000 e 4.000 persoas ao día.

Audio

Noticias relacionadas