A área de Muller dá soporte á conciliación de 350 familias lucenses a través do programa Aprende Xogando

O Goberno de Lara Méndez inviste anualmente 129.800 € neste servizo o que supón o 43% do orzamento da concellería.

Actualmente todas a prazas dispoñibles se atopan cubertas, logo de que a pandemia obrigara a reducir a 463 crianzas o aforo máximo da prestación.

O programa posibilitou, alén, a contratación de 8 monitores en período lectivo, que se incrementan até os 12 durante as vacacións.

Mércores, 17 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Muller dá soporte á conciliación de 350 familias lucenses a través do programa Aprende Xogando

A área de Muller do Concello de Lugo ofrece soporte, actualmente, á conciliación de 350 familias a través do programa Aprende Xogando.

Un servizo ao que cada ano o Goberno de Lara Méndez destina 129.800 euros: o 43% do orzamento do que dispón esta concellería.

“Con esta iniciativa pretendemos, unha vez máis, axudar ás nais e pais a compatibilizar mellor, durante todo o ano, a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas, facilitándolles unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun espazo seguro”, explicou Silvia Alonso.

Así, a Administración local pon cada tarde, de luns a venres, entre as 16:00 e até as 20:30 horas, á súa disposición os Centros de Convivencia da Milagrosa, Maruja Mallo e Uxío Novoneyra que durante as vacacións de Nadal, Semana Santa e verán se amplía tamén á Casa da Música e en horario de mañá (de 09:00 a 14:00 horas).

“O programa posibilita, á súa vez, a contratación de 8 monitores, 12 nos períodos vacionais, cos que as e os máis pequenos non só desfrutan de actividades de entretemento como xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades etc, senón que tamén aproveitan parte da súa estancia para realizar as tarefas escolares, converténdose así nun apoio educativo moi importante para eles e elas”, indicou Silvia Alonso.

A responsable de Muller sinalou que a chegada da pandemia e as limitacións de aforo que impuxo obrigou a reducir o número de prazas dispoñibles até as 463.

“Actualmente a capacidade da programa está completa ao 100%. Este foi un dos maiores condicionantes que tivemos que aplicar e que se combinou con outras medidas como a realización de saídas ao exterior – sempre que o tempo o permite - nomeadamente aos parques e zonas de esparexemento próximas ás instalacións municipais”, referiu Alonso.

“Trátase, en definitiva, de habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización cotiá, especialmente nun momento de dificultade onde o coidado dos fillos e fillas debe conxeniar co cumprimento das garantías sanitarias e coas obrigas laborais das e dos proxenitores”, engadiu a concelleira.

Un labor que se completa tamén dende a área de Benestar con iniciativas como as Aulas Abertas coas que o Executivo de Lara Méndez quere favorecer a conciliación daquelas unidades de convivencia que teñen como integrantes crianzas de entre 3 e 12 anos de idade.

Ámbalas dúas prestacións teñen un custo para as familias en torno aos 20 euros mensuais, no caso do primoxénito/a, con descontos para os segundos fillos/as e exencións para o/a terceiro e posteriores.

Noticias relacionadas