A Alcaldesa traslada á CHMS as demandas dos lucenses para a posta en valor do patrimonio fluvial

Lara Méndez abordou nunha reunión con Francisco Marín as posibilidades e requisitos necesarios para crear zonas de baño no Miño, as vías de colaboración para mellorar o seu entorno, a limpeza do leito e a rehabilitación dos caneiros

O Concello contratará a elaboración dun estudo de delimitación da afección dos cauces fluviais que atravesan o municipio, preciso para a aprobación da totalidade do PXOM

Martes, 15 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este martes o primeiro encontro institucional co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, na sede deste organismo, en Ourense, unha reunión na que a rexedora lle trasladou as demandas dos lucenses para o impulso e posta en valor do rico patrimonio fluvial do municipio e seguir integrándoo na vida e actividade cotiá dos lucenses. Neste senso, abordaron as posibilidades e requisitos necesarios para a creación de zonas de baño públicas no río Miño, tendo en conta a afección da Rede Natura.

Nesta xuntanza de “primeira toma de contacto, desenvolvida nun clima cordial e no marco dunha boa relación entre institucións para traballar en iniciativas e proxectos que son importantes para a cidade”, a Alcaldesa e o presidente da Confederación tamén abordaron as posibles vías de colaboración para o arranxo de diversos camiños que bordean o río Miño, avanzar na mellora e acondicionamento das súas ribeiras e rehabilitar os caneiros.

A limpeza do leito foi outras das cuestións que trataron, unha actuación necesaria para previr inundacións despois de que a estiaxe sufrida na época central do verán revelase a existencia de numerosas árbores caídas no leito ou susceptibles de caer, co risco de que poidan ser arrastradas pola corrente, formando tapóns en determinadas zonas e aumentando o perigo de anegamentos.

Por outra banda, a Alcaldesa asegurou que o Concello contratará nun curto espazo de tempo a elaboración dun estudo de delimitación da afección dos cauces fluviais que atravesan o municipio, necesario para a aprobación da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Noticias relacionadas