A Alcaldesa recibe a Santiago Rey Fernández-Latorre, Presidente de La Voz de Galicia, “o xornal da xente”

A rexedora ensalzou a aposta de Fernández-Latorre por “ir ao epicentro da actualidade local para ser a verdadeira voz dos galegos”, nun acto no que se conmemorou o 50 aniversario da edición de Lugo deste xornal

Méndez felicitou aos traballadores,“aos que estiveron, por marcar o camiño e ser biógrafos dos cambios históricos, aos que están, por manter a aposta polo formato local e aos que virán, por ser os herdeiros do bo facer de Santiago”

Mércores, 26 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa recibe a Santiago Rey Fernández-Latorre, Presidente de La Voz de Galicia, “o xornal da xente”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este mércores ao Presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, nun acto no que se conmemorou o 50 aniversario da edición de Lugo deste periódico que ten preto de 600.000 lectores, o cuarto xornal máis leído de España. “Cumprir 50 anos ten mérito en calquera ámbito e en calquera nivel”, asegurou Méndez, ao tempo que subliñou que se se cumpren, coma neste caso, “é pola constancia, o esforzo e a traxectoria que ten detrás, personificados en Fernández-Latorre”.

No acto, no que tamén estiveron presentes os voceiros dos grupos políticos da Corporación, así como traballadores de La Voz de Galicia, a rexedora ensalzou a figura do Presidente de La Voz de Galicia, quen convertiu a este diario no “xornal da xente”, localizando o diario ata alcanzar o número de edicións que a día de hoxe presenta cada día La Voz de Galicia. “A súa aposta por ser o xornal de Galicia traduciuse en ser o xornal de cada un dos galegos. Santiago sabíao e acertou, que Galicia é unha suma de realidades locais. Por iso quixo ir ao epicentro da actualidade local para ser a verdadeira voz dos galegos”, afirmou Méndez, quen asegurou que foi La Voz de Galicia quen vertebrou o territorio galego dende a información.

“Na aldea global, o xornalismo xoga un papel fundamental, non só en contar a realidade cada vez máis complexa, senón tamén, en facela alcanzable á comprensión do público”, reafirmou a Alcaldesa ao tempo que lle agradecía a Fernández-Latorre o seu labor a prol de construír Galicia e Lugo.

A Alcaldesa tamén quixo felicitar a todos os traballadores de La Voz de Galicia de Lugo, tanto “aos que estiveron, por marcar o camiño e ser biógrafos dos cambios históricos de España e Galicia, aos que están, por manter a aposta polo formato local e aos que virán, por ser os herdeiros do bo facer da visión de Santiago”. Neste punto, Méndez simbolizou o traballo no delegado de Lugo, Miguel Cabana.

Tras asinar no Libro de Ouro, o Presidente de La Voz de Galicia amosouse orgulloso de estar “na probablemente a máis fermosa das provincias galegas”, ao tempo que agradecía a recepción na Casa Consistorial coincidindo coas vodas de ouro de La Voz de Lugo.

Noticias relacionadas