A Alcaldesa, invitada pola Comisión Europea para expoñer o modelo de mobilidade do Concello de Lugo

Lara Méndez participa hoxe e mañá en Bruxelas nos actos organizados pola CE con motivo do Día Europeo das Persoas con Discapacidade

Tomarán parte representantes políticos e expertos co fin de discutir os desafíos aos que se enfrontan as persoas con mobilidade reducida e explorar as mellores solucións

Luns, 04 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, foi invitada pola Comisión Europea con motivo dos actos conmemorativos organizados entre hoxe e mañá en Bruxelas polo Día Europeo das Persoas con Discapacidade para expoñer o modelo de mobilidade do Concello, tanto os avances conseguidos nos últimos 20 anos, como as medidas emprendidas na actualidade e os retos futuros. A invitación da CE prodúcese despois de que o Concello recibise a Mención Especial dos Premios Europeos de Accesibilidade polo programa europeo Smart City.

Méndez participará nunhas xornadas, nas que tomarán parte políticos e expertos co fin de discutir os desafíos aos que se enfrontan as persoas con discapacidade e explorar as mellores solucións. Entre os presentes, estarán a Comisaria europea de Emprego e Asuntos Sociais, así como representantes de Emprego, Acción Exterior e Cidadanía da CE, do Foro Europeo da Discapacidade, dos Gobernos de Estonia, Bulgaria e Luxemburgo, dunha organización social de Dinamarca, do Parlamento Europeo, da Unión Europea de Sordocegos e da Rede Europea de Vida Independente, entre outros.

Abordaranse temas como as iniciativas europeas para unha mellor inclusión das persoas con discapacidade, o seu dereito á participación política –o dereito a votar e ser elixido-, e como as cidades europeas poden ser máis accesibles de forma sostible, cuestión sobre a que versará a conferencia que dará mañá a Alcaldesa de Lugo.

Modelo de cidade

Neste senso, Méndez subliñou que Lugo é unha cidade “inclusiva e integradora” na que a mellora continua da accesibilidade “é un obxectivo que buscamos de maneira transversal a través de toda a acción política do Goberno, xa que é unha parte esencial do modelo de cidade polo que traballamos: unha cidade máis cómoda, humana, accesible, social, pensada por e polas persoas”. Como medidas representativas do compromiso institucional do Goberno “co empoderamento das persoas discapacitadas” a rexedora puxo a creación neste mandato dunha Concellaría dedicada especifiamente a Igualdade e Inclusión e a existencia do Gabinete Municipal de Accesibilidade.

Noticias relacionadas