A Alcaldesa inaugura as primeiras xornadas do Campus para mellorar a docencia non presencial

Mércores, 25 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa inaugura as primeiras xornadas do Campus para mellorar a docencia non presencial

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, inaugurou este mércores as primeiras Xornadas Campus Terra sobre Docencia Universitaria non Presencial, que, baixo o lema O Desafío da ensinanza on line para universidades tradicionais, aborda entre hoxe e o venres na Facultade de Humanidades a nova metodoloxía e recursos necesarios para a modalidade do ensino non presencial. Medio cento de docentes da USC participan no congreso, que ten como poñentes a profesores de universidades do País Vasco, Salamanca, León, Vigo, Alacante e Madrid.

O Campus de Lugo leva 5 anos impartindo varias titulacións oficiais de grao e máster en modalidade semipresencial.

Lara Méndez subliñou que xornadas coma esta, e como as que acolleu o Campus só no último mes (máster de Actividades Educativas na Natureza, as xornadas de portas abertas da Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE), o congreso de Galicia e Portugal sobre FP e a entrega dos premios do campionato internacional D3Mobile) explican “por que a nosa Universidade de Santiago e o noso Campus están entre os mellores do mundo”.

A Alcaldesa felicitou ao Campus por organizar este encontro e aos participantes por asistir –“detrás de grandes alumnos, hai grandes profesores”, indicou-, pois iso demostra as súas ganas de mellorar e afrontar os novos retos da ensinanza, como a formación on line, unha modalidade “moito máis difícil que a presencial, pois perdes as posibilidades da linguaxe non verbal” e en crecemento: segundo os datos da Plataforma Virtual, o número de alumnos que optou pola aprendizaxe on line medrou un 72% só no último ano pola súa comodidade, flexibilidade e aforro económico.

Noticias relacionadas