A alcaldesa de Lugo traslada ao Cume do Cambio Climático “a revolución urbanística e de xeración de economía verde que suporá a construción do primeiro Barrio Multiecolóxico”

Lara Méndez destaca a importancia das políticas locais “coas que debemos dar os pasos clave cara unha transición xusta dun novo sistema social e económico ecosostible

A rexedora explicou que “ademais de que este sexa o noso modelo de cidade, as nosas medidas innovadoras son exportables a cidades de tamaño medio de toda Europa”

Martes, 03 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo traslada ao Cume do Cambio Climático “a revolución urbanística e de xeración de economía verde que suporá a construción do primeiro Barrio Multiecolóxico”

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, presentou esta mañá no Cume do Cambio Climático de Madrid (COP 25) o proxecto LIFE Lugo Biodinámico de desenvolvemento urbanístico sustentable, “que non é só xa o noso modelo de cidade senón que incorpora innovacións ecosostibles e investigacións que poden ser replicables noutros municipios de tamaño medio de Europa que busquen ser máis resilientes e atenuar as consecuencias do cambio climático nun momento de advertencia de estado de emerxencia”.

A rexedora, que realizou esta exposición na zona Mare Nostrum da COP25, destacou o importante papel que xogan os municipios, “xa que é no local onde debemos dar os pasos clave cara unha transición xusta dun novo sistema social e económico ecosostible”.

Na liña cun dos obxectivos da COP25, asentar unha economía verde, a alcaldesa puxo o exemplo de Lugo, que pretende revolucionar os sectores vinculados á construción das cidades sustentables, “que potenciaremos ao levantar, desde cero, o primeiro Barrio Multiecolóxico de España, onde se aplicarán solucións ecolóxicas na planificación urbanística e nos servizos, buscando tamén cambiar hábitos de vida diaria e unha maior cohesión social, configurando o que nós chamamos aldeas urbanas”.

O primeiro sector que se revolucionará será o forestal, xa que a madeira autóctona será o elemento construtivo do barrio. “Onde primeiro se poderá ver será no Edificio Impulso Verde, o primeiro de uso público que se construirá utilizando madeira de Galicia, un exemplo claro da loita por rebaixar os impactos da emisión de CO2 ao emitir un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470), absorbendo, ademais, 280 toneladas de emisións. Cifras importantes, se se ten en conta que o obxectivo da emerxencia climática é reducir as emisións de carbono 7,6% cada ano e chegar á nulidade de emisións no 2050”.

“Temos os recursos xa que con 3,8 millóns de toneladas extraídas ao ano, a nosa provincia é unha das de maior produción de madeira de España”, dixo a alcaldesa, “pero sobre todo temos o proxecto e a determinación política”.

A alcaldesa destacou, ademais, o novo pulmón verde de 16 hectáreas creado a través do LIFE Lugo Biodinámico, que completa o Cinto Verde de Lugo “xerando un espazo que mellora a calidade do aire da contorna, fomentando a absorción de CO2 e axudando á recuperación de especies de flora e fauna”. Nesta zona recuperouse unha xoia natural como o Humidal, que será ENIL (Espazo Natural de Interese Local) e establecéronse zonas de cultivos demostrativos para a construción das cidades do futuro, nos que o Campus Terra investiga a mellora da súa produción.

A alcaldesa agradeceu a implicación neste proxecto a Europa e á Deputación que cofinancian as estratexias, así como ao Campus Terra de Lugo e á Universidade Politécnica de Madrid polas súas investigacións.

Audio

  • Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no Cume do Cambio Climático de Madrid (COP 25) | Descargar mp3

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo traslada ao Cume do Cambio Climático “a revolución urbanística e de xeración de economía verde que suporá a construción do primeiro Barrio Multiecolóxico”
  • A alcaldesa de Lugo traslada ao Cume do Cambio Climático “a revolución urbanística e de xeración de economía verde que suporá a construción do primeiro Barrio Multiecolóxico”
  • A alcaldesa de Lugo traslada ao Cume do Cambio Climático “a revolución urbanística e de xeración de economía verde que suporá a construción do primeiro Barrio Multiecolóxico”

Noticias relacionadas