Acelerón do turismo no primeiro trimestre: incremento dun 20% dos turistas estranxeiros e dun 12,5% dos nacionais

O turismo procedente de Italia incrementouse nun 80%, o de Estados Unidos nun 64% e o do Reino Unido, nun 60%

No relativo ao movemento de visitantes nacionais, é importante subliñar o incremento do turismo procedente das illas, tanto das Baleares, un 85% máis, como das Canarias, un 59%

Martes, 10 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O turismo en Lugo sofre un acelerón no primeiro trimestre do ano, concretamente incrementándose nun 20% o relativo ao estranxeiro e nun 12,5% o nacional. Deste xeito, tan só a Oficina Municipal de Turismo, recibiu máis de 4.700 persoas ao longo dos tres meses pasados, aumentando a cifra mes tras mes, tanto de clientes españois como de turistas internacionais.

No que se refire aos visitantes foráneos, polas instalacións municipais da Praza do Campo pasaron cidadáns de Arxentina, Francia, Italia, Estados Unidos, Alemaña, Brasil, Reino Unido, Portugal e Xapón. A procedencia que máis aumento tivo neste trimestre, con respecto ao mesmo do ano anterior, foi dos países de Italia, un 80% máis, Estados Unidos, un 64% máis e Reino Unido, un 60% máis; experimentando, polo tanto, un gran dinamismo, con crecemento na maioría dos países emisores.

No relativo ao movemento de visitantes nacionais, cómpre sinalar que as e os turistas madrileños e cataláns son os que máis se interesan por coñecer Lugo, seguido dos leoneses. É importante subliñar tamén o incremento do turismo procedente das illas, tanto das Baleares, un 85% máis, como das Canarias, un 59%; así como de Andalucía e Castela A Mancha, cun aumento dun 52% e 51%, respectivamente.

Dentro da comunidade galega, os veciños e veciñas da Coruña son os que máis se achegan a Lugo, seguido dos e das pontevedras, unha tendencia que continúa lineal ao trimestre do ano pasado.

"Todos estes datos amosan un primeiro trimestre de ano moi bo e lévanos a pensar que estamos no bo camiño", asegurou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen engadiu que "seguiremos traballando, sendo un referente de turismo interior nacional e cada vez máis internacional, ofrecendo variedade de opcións turísticas ao visitantes que nos visite, dende exposicións, andainas guiadas, concertos de distintos estilos de música..."

"O turismo non é cuestión do Concello, é una cuestión de todos os sectores implicados, hostelería, a propia cidadanía, asociacións, e estos datos estimúlannos a seguir traballando", concluíu.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o turismo no primeiro trimestre | Descargar mp3

Noticias relacionadas