110 locais comerciais e de hostalería de Lugo terán o distintivo de Establecemento de Confianza, tras completar a formación do Concello

Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha polo executivo de Lara Méndez na estratexia Lugo Seguro para apoiar a sectores especialmente prexudicados pola pandemia
 
No curso, que finalizou hoxe, os participantes adquiriron habilidades e coñecementos para enfrontarse ao novo escenario post COVID-19, da man de expertos e profesionais
 
O 63% dos matriculados son do sector da hostalaría e o 37% restante, do comercio

Venres, 19 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
110 locais comerciais e de hostalería de Lugo terán o distintivo de Establecemento de Confianza, tras completar a formación do Concello

110 locais comerciais e de hostalería de Lugo terán o distintivo de Establecemento de Confianza, unha vez finalizada a formación online da estratexia Lugo Seguro. Trátase da iniciativa pioneira posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez a través da concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego para xerar confianza e recuperar a demanda no comercio e a hostalaría lucenses, dous dos sectores máis afectados pola pandemia e que supoñen o 25% do emprego no municipio lugués.

O curso, que finalizou este venres, tivo unha duración de catro semanas, durante as cales preto de 200 traballadores de locais comerciais e de hostalería da cidade adquiriron as habilidades e coñecementos precisos para enfrontarse ao novo escenario post COVID-19, da man de expertos e profesionais da medicina, a psicoloxía e a comunicación.

Esta iniciativa, totalmente gratuíta, permitiu aos traballadores destes sectores abordar aspectos relacionados coa prevención e a seguridade nos establecementos. Así mesmo, tamén recibiron formación para afrontar dende un punto de vista psicolóxico e emocional a nova situación de regreso ao traballo, e para trasladar aos clientes a máxima confianza en que poden acudir aos seus establecementos habituais, pois o persoal está preparado para atendelos, tendo en conta a obrigada labor de prevención en todas as tarefas.

Do total de participantes, o 63% dos matriculados corresponden ao sector da hostalaría e o 37% restante ao do comercio. Así mesmo, do total dos inscritos correspondentes ao ámbito da hostalaría o 30% son autónomos e o 70% traballadores por conta allea; mentres que no que respecta ao comercio, o 53% son autónomos e o 47% asalariados.

Tralo remate da formación, as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo que poderán colocar nos seus establecementos. A iniciativa levouse a cabo dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego, baixo a marca Lugo É Capital, que aglutina todas as accións do Goberno de Lara Méndez en apoio á economía de proximidade.

Noticias relacionadas