Escolas infantís municipais

Que son as escolas infantís municipais?

Son equipamentos diúrnos de carácter educativo e asistencial, que teñen por obxecto o desenvolvemento harmónico e integral dos/das nenos/as, realizando ademais un importante labor de apoio á función educativa da propia familia á vez que facilita o acceso dos pais e nais ao mundo laboral.

Onde están situadas?

O Concello de Lugo conta actualmente con 4 escolas infantís:

  1. Escola infantil municipal Serra de Outes: situada na rúa Serra de Outes s/n.; Tfno: 982.29.73.12
  2. Escola infantil municipal Gregorio Sanz: situada na Avda. Vilaverde s/n.; Tfno: 982.29.74.48
  3. Escola infantil municipal Luis Soto Menor (San Fiz): situada na rúa Fonta da Bica, número 2 (tramo medio da Avda. de Madrid); Tfno: 982.29.74.40
  4. Escola infantil municipal María Wonenburger (Piringalla): situada na Rúa das Fontes, número 29; Tfno: 982.29.74.42.

Cal é a capacidade de cada unha das escolas infantís municipais?

  1. Escola infantil municipal Serra de Outes: 61 prazas *
  2. Escola infantil municipal Gregorio Sanz: 61 prazas *
  3. Escola infantil municipal Luis Soto Menor (San Fiz): 61 prazas *
  4. Escola infantil municipal María Wonenburger (Piringalla): 55 prazas *

En cada unha das escolas resérvanse 3 prazas de emerxencia por curso escolar, correspondendo unha praza en cada unidade de repartición.

Con cantas unidades de repartición conta cada escola infantil municipal?

  • 1 unidade de 3 meses a 1 ano
  • 1 unidade de 1 a 2 anos
  • 2 unidades de 2 a 3 anos

*Dada a situación sanitaria a capacidade para o curso 2021/2022 anunciarase antes da adxudicación de prazas.

Que servizos prestan?

Servizo de comedor: comprende a elaboración de menús adaptados tendo en conta as necesidades nutricionais de cada etapa evolutiva das/os nenas/os. Este servizo apoia e elabora os tres tipos de menús de acordo ás necesidades alimenticias dos menores:

  • Biberóns e papillas a base de leite e cereais
  • Elaboración de purés de verduras variadas con carne, peixe ou ovo
  • Purés de froitas variadas con ou sen cereais
  • Elaboración de menús diarios variados: sopas, guisos, fritos e cociñados de carnes, peixes e pastas cunha dieta equilibrada, sen aditivos e adaptada a nenas e nenos que comezan a tomar alimentos sólidos por primeira vez

Servizos educativos e asistenciais: as escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico. O compoñente asistencial está referido á prestación de todos os coidados necesarios como a hixiene, limpeza, o cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores.

Como se pode solicitar praza?

Cada mes de febreiro ou marzo ábrese un prazo de presentación de solicitude de praza para o curso escolar vindeiro. As familias poderán recoller os impresos de solicitude nas dependencias da Concellería de Educación, nas escolas municipais, descargalos da páxina web, así como no Servizo de atención Cidadá.

Podo solicitar praza para unha nena ou neno nacido despois de finalizar o prazo de convocatoria?

Revisaranse e puntuaranse as solicitudes fóra de prazo sempre que o nacemento ou adopción da nena ou do neno teña lugar con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e ata o 31 de agosto. Nestes casos a solicitude figurará coa puntuación obtida na lista de espera única para as catro escolas para cubrir vacantes de praza na unidade de idade correspondente.

Podo solicitar praza ao longo de todo o ano?

Sí, pasando a figurar sempre a finais da lista de agarda única.

Canto custa ás familias ter á súa nena ou neno nunha escola infantil municipal?

Os prezos que deberán aboar as persoas usuarias serán os establecidos na Ordenanza fiscal nº 116 aprobada anualmente polo Concello de Lugo, variando en función da renta per cápita mensual familiar.

Que requisitos debe cumprir a nena ou neno para poder solicitarlle praza nas escolas infantís municipais?

  • Que a/o nena/o e a/o solicitante estén empadroadas/os no Concello de Lugo
  • Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso
  • Non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de cada ano de convocatoria

Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame non vinculante do equipo de orientación específica da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a petición das familias, ou representantes legais.

Como se adxudican as prazas?

Aplicando o baremo que fai parte das bases que se publican na convocatoria anual no BOP.

Axudas FEDER

Directorio