Xabier Díaz, Triángulo de Amor Bizarro, Factoría de Subsistencia, Uxía & Narf e Banda Crebinski, no cartel musical do Lubicán 2016

Carmen Basadre, Carme Silva e Xosé Ferreiro presentaron este mércores a programación deste ciclo que busca achegar e facer partícipe da súa oferta cultural a toda a cidadanía luguesa

Os Xoves de moda complementan a programación deste ciclo de música de raíz galega coa presentación na Casa do Saber de proxectos que mesturan a música e a literatura

Miércoles, 17 de febrero de 2016
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e o deputado de Cultura, Xosé Ferreiro, presentaron este mércores no Salón de Plenos a programación do Lubicán 2016, un ciclo a través do que se busca facer achegar e facer partícipe da súa oferta cultural a toda a cidadanía luguesa.

O cantante, compositor e investigador do folclore tradicional galego Xabier Díaz abrirá o 25 de febreiro a programación do Lubicán 2016, un ciclo de música de raíz galega promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento do Concello de Lugo, USC e Deputación, que nesta nova edición, contempla como sedes escénicas o auditorio da Casa do Saber e o Círculo das Artes, ao tempo que avanza na recuperación de espazos naturais, tales como a Praza de Santa María, na que esta primavera tamén se poderá gozar de música galega co Lubicán.

Triángulo de Amor Bizarro, Factoría de Subsistencia, Uxía & Narf e Banda Crebinski completan, xunto co xa citado Xabier Díaz, o cartel musical do Lubicán 2016. A programación deste ciclo, que está orientado a dar visibilidade ás novas creacións musicais de grupos e formacións artísticas de pegada galega, inclúe cinco concertos entre os meses de febreiro e xuño.

Outra das novidades que presenta este ano o cartel do Lubicán vén dada  pola implementación dos Xoves de moda, un proxecto complementario que se desenvolverá no auditorio da Casa do Saber e que está pensado para coñecer e gozar máis de preto e de xeito máis íntimo con proxectos artísticos que mesturan de xeito harmónico música e literatura. Esta iniciativa permite asemade á USC dar un primeiro paso cara a recuperación da regueifa entre as xentes máis novas.

Luis O Caruncho protagonizará o 7 de abril, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, cunha sesión de regueifas, o primeiro acto dos Xoves de Moda. Camilo Franco & Mr. Cool, coa súa Historia de Rock and Roll,  ofrecerán o 12 de maio, no mesmo escenario, outro episodio da singular triloxía na que se estruturan os Xoves de Moda, que rematarán o 2 de xuño co espectáculo Obrigado, a cargo de Fran Pérez e Quico Cadaval.

Programa de concertos

O compositor e cantautor coruñés Xabier Díaz, coñecido antes de emprender a súa carreira en solitario polas colaboracións en concertos e traballos discográficos con diversos artistas e a formacións como Luar na Lubre, Amancio Prado, Os Cempés ou, entre outros, Gaudí Galego ou Berrogüeto, presentará o 25 de febreiro no Círculo das Artes de Lugo o seu primeiro disco en solitario The tambourine man, un traballo de renovación da música popular galega cun enfoque vangardista. Neste concerto, Xabier Díaz, quen tamén repasará outros dos seus repertorios, estará aompañado por Gutier Álvarez (zafona e violín) e Javier Álvarez (acordeón).

A música de Triángulo de amor bizarro soará tamén o 31 de marzo no Círculo das Artes de Lugo, onde presentará as cancións do seu último traballo, Salve discordia, o cuarto disco desta formación galega que, xa pouco ou nada ten que demostrar, logo de colleitar numerosos premios e moi boas críticas cos seus anteriores albumes. Triángulo de amor bizarro mantén intacta a honestidade da súa música en Salve discordia, aínda que a formación vai un pouco máis alá neste disco, desde o o desenfreno rítmico cargado de fuzz ata as melodías máis doces e ensoñadoras con personalísimos textos cheos de referencias.

Factoría de Subsistencia, un proxecto de creatividade musical ao que dan vida Sabela Dacal e Josito Porto, acompañados de Mon Orencio e José Lameiras presentará o 21 de abril no auditorio da Casa do Saber o traballo Cerca da túa orella no marco dun concerto que invita a dar renda libre aos soños de cada quen.

As Badaladas da Galiza imaxinaria, un proxecto co que Uxía e Fran Pérez, Narf volven ás súas raíces e que tamén están a xirar neste comezo de ano por Arxentina, resoarán o 19 de maio na luguesa Praza de Santa María. Dous referentes da actual música galega, como o son Uxía & Narf, funden neste traballo os seus repertorios nun disco conxunto que incorpora clásicos e tamén temas novos. Como espectáculo, Badaladas é un concerto en formato intimista no que os artistas convidan ao público a coñecer as cancións da lingua viaxeira. 

A Banda Crebinsky, unha orquestra popular xurdida dun universo imaxinario fuxida do filme Crebinsky, botará o pano do Lubicán 2016 cun concerto o 9 de xuño na Praza de Santa María, onde o público lugués poderá gozar coas súas composicións eclécticas que contaxian vitalidade e convidan á festa sen paliativos.

Noticias relacionadas