Un total de 30 desempregados fórmanse en atención sociosanitaria no Espazo>Lab

Ana Prieto mantivo un encontro este luns cos alumnos deste cursos, que contan cada un con 618 horas formativas, das que 120 serán prácticas, e que terán lugar ata o vindeiro mes de novembro

Luns, 11 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un total de 30 desempregados fórmanse en atención sociosanitaria no Espazo>Lab

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, visitou este luns aos alumnos e alumnas dos cursos de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio, que puxo en marcha o Espazo>Lab o pasado mes de xuño dentro da súa aposta pola formación, e que terán lugar ata o vindeiro mes de novembro. Durante a súa visita, Prieto coñeceu de primeira man como é a clase diaria e que están aprendendo os participantes nestas actividades formativas enmarcados na programación de accións dirixidas ás persoas desempregadas na comunidade autónoma de Galicia (AFD 2016), subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Para a Concelleira, a importancia de contar cunha boa formación e cun certificado de profesionalidade que así o avale, é unha das principais claves á hora de integrarse no mercado laboral e máis aínda nun sector como no que están englobadas estas actividades, que debido ao envellecemento da poboación luguesa, constitúe un nicho de emprego emerxente.

Trinta alumnos, quince por curso, asisten diariamente a estes talleres que contan cada un con 618 horas formativas, das que 120 serán prácticas en empresas luguesas e 18 de formación transversal sobre inserción laboral, medio ambiente e corresponsabilidade familiar, así como sobre a igualdade entre mulleres e homes. As prácticas terán lugar entre outubro e novembro en 4 entidades luguesas: o Centro de Día Antonio Gandoy, a residencia Abeiro, Alalás e Sanyres.

Noticias relacionadas