Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o programa do San Froilán

A programación inclúe a volta de actividades como o desfile do gando ou a 51 edición do desfile do traxe tradicional, con preto de 200 actividades das cales máis de 100 son musicais.

“Contamos con máis de medio cento de agrupacións locais que animarán as rúas e exercerán de teloneiros dos concertos principais”, explicou Maite Ferreiro.

Hard Gz e Carolina Durante, novas confirmacións para o San Froilán 2023.

Xoves, 21 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o programa do San Froilán

Rubén Arroxo, tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron o programa das festas de San Froilán 2023. Ferreiro destacou que “volve a gran festa do outono galego, que entre o 4 e o 12 de outubro, encherá as rúas de Lugo con preto de 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto”.

“As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “contaremos con máis de 50 grupos de Lugo e concertos de primeiro nivel con nomes como Elíades Ochoa, Rayden, La M.O.D.A., Ciudad Jara, Luar na Lubre ou Baiuca, entre outros”.

A volta da gran festa do outono galego contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradiciona, que este ano celebra a súa 51 edición ou o desfile do gando. Ferreiro destacou que a cultura tradicional galega conta, como cada ano, cun "importante peso" na programación das festas. "Como administración, é o noso deber traballar na conservación e promoción dos nosos elementos culturais máis relevantes".O programa inclúe actividades xa consolidadas neste eido, como o XXI Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores; a Verbena Galega D'antes; ou a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.

As familias contarán con 21 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo dentro do San Froilán Miúdo.

En total, o programa conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes, maxia, humor e animación nos barrios.

Maite Ferreiro anunciou que o programa estará impreso e nas redes sociais nos próximos días.

Orzamento San Froilán 2023

Maite Ferreiro explicou que o San Froilán 2023 conta cun orzamento próximo aos 700.000€ de aportación municipal, que se complementa coa participación de diversos patrocinadores e institucións. A edil de Cultura e o tenente de Alcaldesa criticaron a aportación da Xunta de Galiza ás festas. “Mentres que a Deputación de Lugo colabora con 150.000€, a Xunta de Galiza, a través da Axencia Galega de Turismo, achega 25.000€, unha cantidade irrisoria que non chega a cubrir nin un dos concertos da praza Horta do Seminario”, declarou Rubén Arroxo. O tenente de Alcaldesa afirmou que “a Xunta de Galiza demostra novamente que non lles importa nin Lugo nin o San Froilán, a gran festa do outono galego”. Ambos valoraron positivamente a aportación privada, que supera nesta edición os 31.500€. Arroxo e Ferreiro agradeceron a Estrella Galicia, Abanca, Caixa Rural, Gadis, Calfensa, Leyma, Dmanan e Cafés Candelas a súa implicación coa gran festa do outono galego.

Novas confirmacións

Maite Ferreiro confirmou os concertos de Hard Gz e Carolina Durante para o San Froilán 2023.

Hard GZ, 6 de outubro ás 22h na praza Horta do Seminario

Pedro Ruibal é un rapeiro galego nado en Vigo no 1995. Criouse en A Coruña, onde entrou en contacto co hip hop e converteuse en Hard GZ. Con 14 anos montou o seu primeiro estudio caseiro e comezou a rapear na banda Urban Style Crew, onde se rodeaba tanto de DJ's e MC's como de grafiteiros. Máis adiante, fundou un selo discográfico; La Utopía del Norte, ao que estivo vencellado durante case dez anos.

Rapeiro atípico e utópico, destaca polo seu compromiso social, que se plasma non so nas súas letras (nas que abundan referencias á vida na rúa e á loita obreira) senón tamén nos numerosos proxectos solidarios nos que se embarca. Cultiva un estilo underground e directo, que se move entre letras agresivas e unha lírica profunda de fórmula elaborada.

Hoxe, Hard GZ é un dos artistas máis importantes do panorama hip hop, todo un fenómeno viral que, ademáis, trascende o meramente sonoro.

A pesares da súa corta traxectoria, Hard GZ acumula millóns de visitas nos seus vídeos de Youtube e carteis de “Sold out" nos seus concertos. O seu disco Virus, publicado no 2014, valeulle a fama a nivel nacional, e con Nictofília consolidouse como un artista sólido en ciernes. Co seu último disco, LACOSTA, promete continuar esta línea compositiva.

Carolina Durante, 4 de outubro ás 22h na praza Horta do Seminario

Carolina Durante é un grupo musical formado no 2017. O seu estilo de música pode incluírse dentro dos xéneros Pop, Punk e Indie. A agrupación está formada por Diego Ibáñez (vocalista), Martín Vallhonrat (bajo), Juan Pedrayes (batería) e Mario del Valle (guitarra). O guitarrista Mario del Valle e o batería Juan Pedrayes son tamén integrantes da banda Axolotes Mexicanos.

Carolina Durante viviu o seu debut no interior da Sala Juglar de Madrid, no 2017 tocando xunto á agrupación musical Axolotes Mexicanos. Tras este primeiro concerto, a banda só  tardou uns meses en lanzar o seu primeiro single, titulado "La noche de los muertos vivientes". Publicaron o seu primeiro EP en dicembro do 2017, co título Necromántico, seguido polo tamén EP en maio do 2018, Examiga.

A banda caracterízase por cancións divertidas e con tono desenfadado, as cales abriron moitas portas no panorama musical do estado, chegando a tocar nos festivais máis prestixiosos, como o Festival Internacional de Benicasim, o Bilbao BBK Live ou o Mad Cool celebrado en Madrid. Algunhas das súas cancións desenfadadas de máis éxito son: Cayetano, La noche de los muertos vivientes ou El himno titular. Segundo palabras da súa propia web, Perdona (Ahora Sí Que Sí), é a día de hoxe a súa canción máis escoitada.

No 2020, lanzaron o seu terceiro EP: Del horno a la boca, e os seus dous álbums completos publicados son Carolina Durante, por Carolina Durante (2019) e Cuatro chavales (2022).

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o programa do San Froilán | Descargar mp3
  • O tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre o programa do San Froilán | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o programa do San Froilán

Noticias relacionadas