Os establecementos hostaleiros da rúa da Cruz recuperan os Cantos de Taberna

A Alcaldesa, o presidente de Lugo Monumental e os hostaleiros que organizan esta iniciativa convidaron á veciñanza a participar neste evento, que será o sábado 9 de febreiro, a partir das 20:00 horas

Lara Méndez puxo o acento nesta cita, "que axuda a fomentar a vida na rúa, a socializar e a recuperar a nosa cultura con temas populares"

A convocatoria musical, coa que colabora o Concello, contará coa participación de catro agrupacións: Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13

Luns, 28 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os establecementos hostaleiros da rúa da Cruz recuperan os Cantos de Taberna

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da asociación Lugo Monumental, Luis Latorre, e representantes de distintos establecementos hostaleiros da rúa da Cruz, convidaron á veciñanza a participar nunha cita coa que recuperan unha tradición popular: os Cantos de Taberna. Será o sábado, 9 de febreiro, a partir das 20:00 horas.

Lara Méndez, quen felicitou ao colectivo e hostaleiros por unir esforzos e promover esta iniciativa, puxo o acento nesta cita, "que axuda a fomentar a vida na rúa, a socializar e a recuperar a nosa cultura con temas populares".  Así mesmo convidou á veciñanza a intervir nestes Cantos de Taberna, unha invitación á que se sumaron tanto os establecementos como Lugo Monumental.

A convocatoria musical, coa que colabora o Concello, contará coa participación de catro agrupacións de música popular galega para animar o ambiente nos distintos establecementos: Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13. No evento colaboran distintos locais que teñen barra e espazo adecuado para estes Cantos de Taberna: Bulló Xantar, Millenivm, Karrusel, As Cinco Vigas, O Castor Taberna, People e A Tasca.

Os Cantos de Taberna son unha tradición nacida espontaneamente nos anos 50, en que grupos de amigos se reunían os sábados para tomar unhas tazas de viño nos locais do casco histórico de Lugo e tamén para cantar. Desapareceron a finais dos 70.

Audio

Multimedia

  • Os establecementos hostaleiros da rúa da Cruz recuperan os Cantos de Taberna

Noticias relacionadas