O Pleno esíxelle solucións urxentes a Goberno central e Xunta ante a “auténtica agresión” que sofre o sector lácteo

A “inoperancia e deixamento” do PP converteu a eliminación das cotas lácteas e a desregularización do mercado “nun drama que vai levar á desaparición a moitas explotacións”, subliñou Miguel Fernández

A instancias do PSdeG, a Corporación demanda ao Ministerio que modifique o paquete lácteo para que regule eficazmente as relacións entre produtores e industrias, e á Xunta que propicie a obrigatoriedade da figura do mediador  

Xoves, 30 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Pleno aprobou este xoves unha proposta do Goberno local para esixir solucións urxentes a Goberno central e Xunta ante a “auténtica agresión” que sofre o sector lácteo. O voceiro municipal, Miguel Fernández, subliñou que a eliminación das cotas e a desregularización do mercado, lonxe de ser unha oportunidade, “converteuse, debido a inoperancia e deixamento dos gobernos do Partido Popular, nun drama que vai levar á desaparición a moitas explotacións”. “Os gandeiros teñen hoxe nula capacidade de negociación, ameazas de que lles deixen de recoller o leite, prezos inxustos, moi por debaixo dos custes, e contratos impostos polas industrias, sen que os gobernos do PP sexan capaces de darlles unha solución”. 

Esta situación “de urxencia” do sector leiteiro supón “un ataque frontal ao futuro de moitas explotacións e moitas familias” porque, ademais dun “motor económico”, a actividade das ganderías “garante o mantemento dunha forma de vida, unha cultura e un patrimonio”, argumentou Fernández, quen lembrou que no municipio lucense funcionan unhas 200 granxas.

Así mesmo, o voceiro afirmou que as medidas tomadas polo Partido Popular ata o de agora “foron malas, ou as aplicaron mal, ou ámbalas dúas cousas”.

As propostas aprobadas

A instancias do PSdeG, o Pleno acordou, coa abstención do PP, esixir ao Goberno central que modifique con urxencia o decreto que desenvolve o paquete lácteo para convertelo nun verdadeiro instrumento que regule as relacións contractuais entre produtores e industrias, e demandar á Xunta de Galicia que propicie a obrigatoriedade da figura do mediador con facultades operativas de arbitraxe e cun réxime forte de sancións que impidan o incumprimento da normativa por parte da industria e dos  primeiros compradores.

Na mesma sesión, aprobáronse outras dúas mocións en apoio do sector lácteo do BNG e Lugonovo.

Audio

  • O voceiro municipal, Miguel Fernández, sobre a situación do sector leiteiro | Descargar mp3

Noticias relacionadas