O Goberno de Lugo renovará o alumeado público na contorna do Camiño Real e rúa do Freixo

Alexandre Penas: “damos solución á demanda da veciñanza da zona, e continuamos a mellorar a calidade da rede de alumeado público”

Mañá aprobarase o inicio do procedemento de licitación, que terá un importe de 124.841,70€ e un prazo de execución  de 3 meses

Martes, 04 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo renovará o alumeado público na contorna do Camiño Real e rúa do Freixo

O Goberno Municipal aprobará mañá o inicio do procedemento de licitación dunha nova renovación do alumeado público, nas rúas Camiño Real e Freixo. O edil de Infraestruturas, Alexandre Penas explicou que “damos solución a unha demanda da veciñanza da zona, que pedía unha renovación do alumeado, ao mesmo tempo que continuamos a traballar na mellora de toda a rede pública de alumeado aplicando a perspectiva de xénero e reducindo o consumo eléctrico”.

A concellería de Infraestruturas substituirá un total de 48 luminarias de vapor de sodio a alta presión, cun consumo de 150W por luminarias LED de 75W, o que suporá un aforro do 50%, 3.6kW, no alumeado da zona. En total, aforraranse 28.800 kWh, o que supón deixar de emitir 4,32 Tn de CO2. Ademais, “uniformarase o alumeado, ordenando os puntos de luz, creando unha zona de iluminación uniforme e non invasiva”, segundo explicou Alexandre Penas.

O cableado do alumeado público nestas rúas tamén será renovado, soterrándoo para mellorar a seguridade da instalación, o que tamén facilitará o mantemento da rede de alumeado público, ao non verse afectado por outras instalacións como a de telecomunicacións.

A actuación sairá mañá a contratación cun orzamento base de 124.841,70€ e 3 meses de prazo de execución.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, sobre o alumeado no Camiño Real | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno de Lugo renovará o alumeado público na contorna do Camiño Real e rúa do Freixo

Noticias relacionadas