O Concello de Lugo visibiliza o seu compromiso contra a violencia machista cunha nova rede de sinalización nos accesos a cidade

“Lugo non tolera a violencia machista” é o lema escollido para amosar explicitamente o rexeitamento do Executivo de Lara Méndez a calquera tipo de agresión contra as mulleres.

A iniciativa persegue aumentar o nivel de concienciación cidadá, reforzando o compromiso do Goberno local na loita contra esta lacra.

Venres, 14 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo visibiliza o seu compromiso contra a violencia machista cunha nova rede de sinalización nos accesos a cidade

O Concello de Lugo reforza o seu compromiso en prol da loita contra a violencia machista coa instalación dunha rede de sinalización nos principais accesos á capital. O obxectivo desta iniciativa é aumentar o nivel de concienciación cidadá sobre esta lacra, reforzando o labor que o Executivo de Lara Méndez leva a cabo nesta materia dentro de toda a súa acción de goberno. “Lugo non tolera a violencia machista” é o lema escollido para amosar explicitamente o rexeitamento a calquera tipo de agresión contra as mulleres.

“A idea de que esta mensaxe estea presente nos distintos accesos á cidade contribuirá a incrementar a sensibilización social. A iniciativa, levada a cabo ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, constitúe toda unha declaración de intencións xa que desde o primeiro intre no que alguén chega á urbe queda patente o noso compromiso con esta causa. sinalou a responsable do área de Dinamización Social, Ana González Abelleira.

A loita por acadar unha igualdade real entre homes e mulleres en Lugo é, desde hai anos, un eixo transversal na acción de goberno do Executivo de Lara Méndez. “Froito dese labor realizado no noso municipio temos un importante camiño percorrido como corrobora o IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo que xa se atopa en marcha. O obxectivo é conseguir o rexeitamento social a calquera acto de violencia contra as mulleres, así como promover modelos alternativos de convivencia, no marco da cultura da igualdade, e conseguir unha tolerancia cero cara a violencia de xénero.”, apuntou González Abelleira.

“O compromiso por esta meta queda patente dende o feito de que Lugo sexa o único concello que conte cun lema feminista propio: Mulleres con forza, ata o deseño de todos os proxectos municipais que abarcan áreas tan diversas como o urbanismo, co deseño dos novos espazos públicos, o alumeado público con perspectiva de xénero, a conciliación familiar, pasando polo deporte, o labor coa mocidade ou o traballo social pola igualdade de oportunidades”, concluíu a tenenta de alcaldesa.

Audio

  • A edil de Dinamización Social, Ana González Abelleira, sobre a iniciativa contra a violencia machista | Descargar mp3

Noticias relacionadas