O Concello aproba a axuda de 130.000 euros a ASPNAIS para a reforma do antigo San José

A Xunta de Goberno acordará mañá incorporar ao Plan Estratéxico de Subvencións este importe, que a entidade destinará á redacción do proxecto técnico para as obras de adaptación do inmoble

Esta nova axuda a ASPNAIS engádese aos preto de 1,9 millóns de euros que o Concello concede neste 2015 ao tecido asociativo de Lugo

Martes, 04 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello aprobará mañá mércores, na Xunta de Goberno, incorporar ao Plan Estratéxico de Subvencións unha axuda por valor de 130.000 euros á Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) para a redacción do proxecto técnico das obras de reforma que a entidade acometerá no antigo Hospital San José co fin de centralizar neste inmoble o labor que vén desenvolvendo actualmente en dous edificios no polígono da Louzaneta e na Rampa Claudio López.

A proposta á que o Goberno local dará mañá luz verde ten lugar despois da modificación do Orzamento municipal aprobada en maio para poder contemplar a devandita partida de 130.000 euros, procedentes dos remanentes acadados grazas á boa xestión económica efectuada polo Executivo.

Esta nova axuda a ASPNAIS engádese aos preto de 1,9 millóns de euros que o Concello concede neste 2015 ao tecido asociativo de Lugo a través do Plan Estratéxico de Subvencións, dentro da aposta do Goberno por “fomentar a participación e a dinamización das entidades sociais, culturais e deportivas”. En concreto, a nova achega económica incorpórase ao investimento en materia de servizos sociais, que inicialmente era de 529.500 euros, e agora pasa a 659.500.

A materialización da axuda a ASPNAIS prodúcese despois dunha recente visita da Alcaldesa, Lara Méndez, ás instalacións da entidade, durante a que renovou o compromiso e o apoio do Concello “ao gran labor deste colectivo, que excede das murallas da cidade”.

Noticias relacionadas