O Concello apoiou con 8,2M€ ao tecido social e económico de Lugo a través do Plan Estratéxico de Subvencións 2012-2015

O grao de execución media das axudas previstas foi do 80%, chegando a case o 100% en áreas como Deportes, Servizos Sociais, Cultura, Xuventude e Urban

O Goberno proporá ao Pleno substituír a operación de crédito prevista nos Orzamentos 2016 por remanentes de tesourería, co que o Concello suma catro exercicios sen acudir a financiamento bancario

Luns, 20 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobará o informe memoria do III Plan Estratéxico de Subvencións 2012-2015, a través do que o Concello outorgou 8,2 millóns de euros neste período e que rematou cun grao de execución media do 80%, aínda que próximo ao 100% en áreas como Deportes, Servizos Sociais, Cultura, Xuventude e Plan Urban. Estes datos obxectivos acreditan “o gran esforzo inversor que, a pesar da crise económica, realiza o Concello de Lugo, dentro do seu compromiso prioritario co investimento social, para respaldar a actividade e dinamizar o tecido socioeconómico e asociativo, tanto deportivo e cultural, así como para manter a rede de apoio social aos colectivos máis desfavorecidos e que máis o necesitan”, subliñou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. Tamén demostra “o cumprimento dos obxectivos marcados, e a eficacia e eficiencia na xestión municipal”, engadiu a edil.

Prieto asegurou que de cara ao vindeiro Plan Estratéxico de Subvencións, o Goberno pretende “continuar co labor de axilizar o trámite administrativo de concesión das axudas e facilitar os procedementos a través da xestión electrónica”.

As axudas que outorgou o Concello por áreas e o grao de cumprimento nos últimos catro anos son os seguintes:

  • Deportes: Concedidos 4 millóns de euros a 84 colectivos, o que supón unha execución do 99%
  • Cultura: 540.000 euros, cunha execución do 94%
  • Educación: 110.000 euros destinados a axudas ás familias con escasos recursos para a adquisición de material educativo. Destaca o aumento da partida nun 42% dende o 2012 ao 2015. O grao de cumprimento foi do 81%
  • Xuventude: 37.500 euros, o que supón o 99,99% de execución
  • Muller: 97.300 euros a 17 colectivos, cunha execución do 90%
  • Servizos Sociais: 2 millóns de euros para colectivos, ONGs, alugamento de vivendas, para mobilidade a persoas con discapacidade e erradicación do chabolismo, o que significa o 99% de cumprimento das axudas previstas
  • Participación Cidadá: 473.000 euros e unha execución do 84%. Creáronse 133 asociacións novas
  • Promoción do Emprego: 170.000 euros e un 73% de cumprimento
  • Plan Urban: 197.000 euros, cunha execución do 91%
  • Urbanismo, rehabilitación e ITEs: 560.817 euros, cunha execución media do 30,5%

Anulación de crédito

Por outra banda, a Concelleira de Economía avanzou que o Goberno propoñerá no vindeiro Pleno ordinario, o xoves 30 de xuño, a anulación da operación de crédito de 3,3 millóns de euros prevista nos Orzamentos do 2016, substituíndoa por remanentes de tesourería para gastos xerais, resultado da liquidación do exercicio 2015. Deste xeito, explicou Ana Prieto, o Concello de Lugo, “froito dunha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos”, sumará catro exercicios sen acudir a ningún préstamo bancario, o que significa que “é autosuficiente para garantir a prestación da ampla carteira de servizos públicos” que presta, e tampouco “aumenta a débeda financeira, nin o pago de intereses, polo que os recursos municipais se poderán destinar a investimentos”.

Noticias relacionadas