Maite Ferreiro conversa en directo co Rei Melchor

A concelleira de Cultura mantivo unha videoconferencia co Rei Mago, na que ambos destacaron “a prudencia e o bo comportamento das nenas e nenos de Lugo durante a pandemia

A área de Cultura organizará unha cabalgata estática para que o vindeiro día 5 “todas as nenas e nenos de Lugo poidan ver aos Magos de Oriente de xeito seguro e sen masificacións”

Xoves, 30 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro conversa en directo co Rei Melchor

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia co Rei Melchor, na que conversaron sobre a cabalgata do vindeiro día 5. A concelleira de Cultura e o Rei Melchor coincidiron en destacar “a prudencia e o bo comportamento das nenas e nenos de Lugo durante toda a pandemia”.

O Rei Melchor afirmou que “temos todo listo para ir a Lugo o vindeiro 5 de xaneiro e poder visitar un ano máis a todas as nenas e nenos”, e dirixiuse en nome dos 3 Magos de Oriente a todas as nenas e nenos de Lugo, dándolles as grazas “pola vosa hospitalidade e polo bo trato que recibimos cada ano na nosa visita a Lugo”.

Cabalgata de Reis

Maite Ferreiro anunciou que a cabalgata de reis deste ano será estática, “seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias e despois de acordalo cos Magos de Oriente”, segundo explicou a Concelleira.

A área de Cultura organizará actividades en horario de mañá e de tarde para que as nenas e nenos poidan visitar aos Magos “e contaremos con espectáculos novidosos e de calidade que amenizarán a espera das nenas e nenos”, afirmou a edil de Cultura.

As nenas e nenos de Lugo poderán visitar aos Magos de Oriente no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, en horario de mañá entre as 12 e as 14 horas, e pola tarde entre as 17:30 e as 19:30. Maite Ferreiro destacou que “escollemos as inmediacións do Gustavo Freire ao ser unha zona que conta con boas conexións en bus urbano para as persoas que decidan achegarse en transporte público, ademais de ter boa dispoñibilidade de aparcamento público e gratuíto nas inmediacións”.

Máis info

Multimedia

  • Maite Ferreiro conversa en directo co Rei Melchor

Noticias relacionadas