Lara Méndez: “Neste Ano Europeo da Mocidade debemos reivindicar a unión na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade”

A alcaldesa de Lugo presidiu os actos con motivo do Día de Europa, organizados pola oficina Europe Direct Lugo, para conmemorar o aniversario da Declaración de Schuman.

A programación de actividades, para todos os públicos, incluíu  actuacións musicais e de danza, obradoiros infantís e un circuíto de vehículos eléctricos na Praza Maior.

Luns, 09 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Neste Ano Europeo da Mocidade debemos reivindicar a unión na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade”

O Concello de Lugo conmemorou este luns o Día de Europa cun acto institucional presidido pola alcaldesa, Lara Méndez, no que tamén participaron representantes da corporación municipal. Previamente ao izado da bandeira da UE e a interpretación do himno oficial –Novena Sinfonía de Beethoven–, a rexedora procedeu á lectura dun manifesto no que expresou a necesidade de “reivindicar neste 2022, declarado Ano Europeo da Xuventude, unha unión efectiva na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade que promove Europa”.

Neste senso, Lara Méndez lembrou que “un día como hoxe, hai 72 anos, tivo lugar a firma da ‘Declaración Schuman’,co propósito de fusionar intereses económicos e contribuír así, a mellorar o benestar social dos países membros, e a construción dunha Europa libre de guerras e máis unida ao redor de obxectivos comúns. Ese 9 de maio de 1950, naceu un gran proxecto de cooperación, hoxe conformado por 27 países que seguen a construír a súa integración de maneira dinámica, facendo fronte a permanentes retos de diversa orde”.

“Entre eles, a gran crise económica do 2008 ou as derivadas da pandemia da COVID-19, que aínda sufrimos, onde Europa foi capaz de reconducir as políticas de austeridade que tanta dor causaron hai 13 anos por políticas inversoras para a transformación social e económica das nacións que as conforman, que en Lugo coñecemos ben, porque comezamos xa a concretar novos proxectos de futuro cos fondos europeos NEXT Generation”, explicou.

A rexedora aproveitou esta ocasión para condenar a “inxustificada guerra de Putin contra Ucraína, que pon en risco non só a todo un país e a vida dos ucraínos, senón a estabilidade, a paz e a seguridade europea e mundial”. “Este conflito provocado polo goberno ruso enmárcase nunha estratexia para desestabilizar a Europa e viola os principios consagrados tanto no Dereito Internacional como na Carta das Nacións Unidas, causando morte, sufrimento, desprazamentos humanos e devastación. Por iso, debe ter enfronte o rexeitamento de todos os e as demócratas, cunha Europa forte e unida”, subliñou.

Así, apuntou que “debemos seguir traballando para garantir solucións e ofrecer un novo futuro á cidadanía, para superar esta guerra e as súas consecuencias, pero tamén a pandemia, a situación económica e social, o cambio climático, a desigualdade de xénero, os ataques ao migrantes ou as agresións ao sistema democrático”.

2022 Ano Europeo da Mocidade

A alcaldesa lembrou que “a Unión Europea reafirmou na Declaración do Porto, o seu compromiso por unha Europa máis social, que dese especial apoio aos mozos, os que sufriron o maior impacto social e emocional como consecuencia da COVID-19. É así como, este ano 2022 foi declarado o Ano Europeo da Mocidade. Son os máis novos a xeración do presente e do futuro, e por isto a Unión Europea activou políticas e mecanismos para apostar por eles cun horizonte temporal moito máis alá do 2022”.

“Convidamos a todos os mozos e mozas a participar activamente nas conferencias, actos e campañas de información e promoción deste ano Europeo da Mocidade, así como a incorporarse nos diferentes programas que se poñen a súa disposición para que participen das súas políticas; con especial énfase en materia medio ambiental, educación e cultura, entre outras. E convidámolos tamén a participar no Consello da Mocidade que poremos en marcha proximamente desde o Concello de Lugo para que sexan parte activa da configuración da nosa Axenda Urbana, a folla de ruta que marcará o futuro da cidade”, engadiu.

A alcaldesa rematou a súa intervención desexando un feliz Día de Europa a todas e todos os participantes, e convidando á cidadanía lucense a gozar da programación de actividades para todos os públicos que a oficina municipal de información europea, Europe Direct Lugo, puxo en marcha para conmemorar esta efeméride. Deste xeito, ao longo da tarde, houbo sesións de música e baile en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como un circuíto de bicicletas e patinetes eléctricos instalado na propia Praza Maior e sorteo de agasallos.

Así mesmo, os asistentes tamén puideron achegarse ás mesas informativas sobre os proxectos do Concello financiados con fondos europeos, especialmente a estratexia DUSI Muramiñae: da Muralla ao Miño, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do LIFE Lugo + Biodinámico, a través do que o Concello está a desenvolver novidosas iniciativas en favor dun urbanismo sostible.

Oficina municipal de Europa Direct

Esta acción desenvólvese a través da oficina municipal Europa Direct. Lugo é o único concello de Galicia que acadou ser sede deste centro, dende o que se informa e involucra á cidadanía nos asuntos europeos, dentro da nova convocatoria da Comisión para o período 2021-2025.

Multimedia

  • Lara Méndez: “Neste Ano Europeo da Mocidade debemos reivindicar a unión na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade”
  • Lara Méndez: “Neste Ano Europeo da Mocidade debemos reivindicar a unión na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade”

Noticias relacionadas