Lara Méndez mantén un encontro cos hostaleiros da Milagrosa para trasladarlles o apoio do Concello e a máxima colaboración

A rexedora escoitou as súas preocupacións “que son compartidas”, pois as restricións dificultan a actividade da maioría dos locais hostaleiros do barrio

A alcaldesa comprometeuse a facer un seguemento conxunto da situación e a pór en marcha, en canto se poida, medidas encamiñadas a restablecer a confianza na zona

Luns, 31 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantén un encontro cos hostaleiros da Milagrosa para trasladarlles o apoio do Concello e a máxima colaboración

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este luns un encontro con representantes do sector hostaleiro da Milagrosa para valorar as novas medidas decretadas po la Consellería de Sanidade, como consecuencia da evolución epidemiolóxica na cidade, e que inclúen restricións para todo Lugo, pero especialmente duras para este barrio.

Durante o encontro, a rexedora trasladoulles o apoio do Concello e a máxima colaboración para tratar, entre todos, de frear o incremento de casos de coronavirus que se ten detectado nesta zona da cidade. Desde o Goberno local incrementouse aínda máis a vixilancia policial e as labores de limpeza e desinfección intensiva do barrio segundo os protocolos vinculados coa COVID 19, coa esterilización do firme, fachadas, paradas e marquesiñas do bus, colectores, papeleiras, varandas e resto de dotacións que se atopan na vía pública.

Así mesmo, a alcaldesa escoitou as súas preocupacións “que son compartidas, pois empatizamos con elas, xa que se trata de medidas de especial dureza para un sector con moito peso nesta zona. As novas restricións dificultan a actividade da inmensa maioría dos establecementos hostaleiros do barrio, que se viron obrigados a pechar as súas portas, coa consecuente perda de ingresos que isto supón”. Ademais, a rexedora insistiu en que non se debe estigmatizar esta zona “porque é igual de segura que outras, só que neste caso se detectou un maior número de afectados. Mandar unha mensaxe equivocada a este respecto conlevaría un dano moi grave desde un punto de vista social e económico”.

Cómpre lembrar que as restriccións específicas na Milagrosa contemplan a limitación de reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Mentres que os restaurantes poden servir no interior, soamente a un máximo de 5 persoas por mesa.

Lara Méndez comprometeuse a realizar un seguemento conxunto da situación e avanzoulles a súa vontade de poñer en marcha novas medidas encamiñadas a restablecer a confianza entre a veciñanza e os clientes. “Dende o inicio da pandemia puxemos en marcha programacións coas que axudar ás familias, autónomos e pemes para facer fronte as consecuencias económicas da COVID-19. Exemplo disto é o Plan Reanima, co que inxectamos preto de 3 millóns de euros en axudas directas a uns 3.000 lucenses”.

Noticias relacionadas