Lara Méndez estima en 12’5 M de euros o 50% que lle corresponde aportar á Xunta en Lugo para a recuperación do tecido económico

A rexedora lembra que o Concello xa consignou, en marzo de 2020, 5M de euros cos que dotou ao Plan Reanima, o primeiro programa de axudas directas locais de toda España

A alcaldesa da cidade lamenta que o executivo galego decidise unilateralmente a creación deste Fondo “cando nunca respostou ás continuas peticións das grandes cidades para sentarnos a debater sobre a rexeneración dos municipios”

Venres, 15 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez estima en 12’5 M de euros o 50% que lle corresponde aportar á Xunta en Lugo para a recuperación do tecido económico

O 8 de xullo. Ese foi o día no que o Concello de Lugo comezou a pagar ás familias, empresarios e autónomos lucenses, entre eles moitas e moitos hostaleiros, as axudas directas do Plan Reanima para as que o executivo de Lara Méndez mobilizou 5 millóns de euros, xa o 15 de marzo, día seguinte á declaración do Estado de Alarma coa finalidade de apoiar, dende o primeiro momento da pandemia, ao tecido produtivo local.

Foron as primeiras achegas públicas que se deseñaron e artellaron, a nivel municipal, en toda Galicia e en España ás que a rexedora e o seu equipo de goberno quixo acompañar con outras medidas que contribuísen a paliar as consecuencias económicas que estaba a provocar o Covid.

“Xunto a estas subvencións desenvolvemos outras actuacións encamiñadas a diminuír a presión fiscal pero tamén a aproveitar o tempo de confinamento para diversificar e modernizar os negocios co fin de garantir a súa viabilidade no futuro”, lembrou Lara Méndez.

E así se eximiu, dende marzo do 2020 e tamén durante todo este exercicio, ao sector da hostalaría do pago das taxas pola ocupación da vía pública que fan coas terrazas, permitíndolles ademais amplialas e dotalas de elementos de confort durante o inverno para contrarrestar as limitacións de aforo e horario que a normativa sanitaria impón a estes locais e seguir resultando atractivos para o público.

Tamén se adiou o pago de tributos, entre eles, un dos máis onerosos para as arcas municipais e para os contribuíntes como é o IBI, se postergou a liquidación do ICIO para propiciar a realización de obras e recuperar a actividade na construción, se creou unha plataforma de comercio local para incentivar, mediante a adquisición de bonos, ás compras por adiantado e dotar de liquidez ás Pemes, se fixeron campañas de dinamización para levar o comercio á rúa e, entre outras iniciativas de carácter formativo, se propiciou o emprendemento e se impartiron cursos para adaptar ás empresas á nova realidade sanitaria certificando así que son establecementos seguros nos que se cumpren todos os protocolos de hixiene esixidos.

“Accións, solucións que este Concello efectivizou de forma inmediata, anticipándose á evolución do Covid para minorar o impacto que xeraría a súa deriva nunha crise social e económica. E nese momento, fomos nós os que instamos á Xunta de Galicia a mellorar a súa capacidade de resposta e a poñer en marcha mecanismos similares ante a necesidade de axuntar esforzos para sobre poñernos á situación”, engadiu a alcaldesa. “Unha reacción – abondou – que se fixo agardar até o pasado mes de novembro, cando publicou as bases das primeiras axudas que ofrecía”.

“Unha colaboración, por certo, á que tivemos que apelar en máis dunha ocasión, incluso para poder coñecer os datos sobre a progresión dos contaxios co fin de frealos pero que, de xeito recíproco, tamén lle brindamos cando, pese aos informes contrarios da Avogacía do Estado, descansou nas administracións locais - na súa maioría escasas de efectivos - a xestión e tramitación das sancións por incumprimento á Lei de Saúde de Galicia”, indicou Méndez.

“Eu mesma lle trasladei ao señor Núñez Feijoo, persoalmente como alcaldesa de Lugo pero tamén, por escrito, como Vicepresidenta do Eixo Atlántico o papel determinante que estamos a desempeñar os Concellos, como institucións máis próximas á cidadanía, na etapa de recuperación que se aveciña. Porque así é como debemos afrontala: contemplándoa como un desafío e como unha oportunidade para converter os recursos propios nunha verdadeira potencialidade. Un obxectivo, iso si, para o que debemos contar con suficientes recursos”, sostivo a rexedora.

“Por iso nos resulta poderosamente rechamante que o presidente galego lle pida agora cooperación aos Concellos, cando somos nós, nomeadamente o de Lugo, os que levamos apoiando, con iniciativas e fondos exclusivamente municipais, ao empresariado dende o día 1 do Estado de Alarma. Pero é que ademais, gustaríame sumarme ás reflexións doutros compañeiros que xa aludiron á falta de respecto institucional cando unha decisión coma esa se comunica de forma unilateral e sen que tivese respostado nunca ás continuas peticións de reunión que lle fixemos chegar os alcaldes e alcaldesas das grandes cidades para abordar a rexeneración dos municipios”, sostivo Lara Méndez.

“Aínda así, e compartindo esa necesidade de pular conxuntamente para compensar ás e aos máis afectados polos prexuízos que está a ocasionar a pandemia, temos que dicir, como lucenses, que serán máis que benvidos ese mínimo de 12’5 millóns de euros procedentes da Xunta de Galicia – o 50% ao que anunciou que se comprometía - logo de que nós xa teñamos consignados o 20% que nos asignou nos 5 millóns cos que dotamos en marzo ao Plan Reanima”.

“E unha vez máis – concluíu a alcaldesa – queremos deixar manifesta, ante o contexto global que nos afecta, a nosa vontade de permanecer ao carón daqueles organismos públicos, daquelas entidades, sectores e asociacións cuxo labor redunda no benestar e no interese xeral. As portas do Concello de Lugo seguen abertas e a nosa man tendida para traballar co resto de administracións non só en superar a pandemia senón tamén en construír un futuro digno para toda a veciñanza. Un horizonte prometedor que, no caso do noso municipio xa empezamos a tecer coa Estratexia Lugo Transforma, da que tamén é sabedor Alberto Núñez Feijoo, e na que o convidamos a participar. Porque nun momento coma este a altura de miras coa que debemos actuar os dirixentes políticos debe ir aparellada á axilidade e impulso que estamos obrigados a conferirlle ás institucións”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Fondo de  Recuperación da Xunta | Descargar  mp3

Noticias relacionadas