Lara Méndez destaca o campus de verán XuvenCiencia como unha ocasión única para descubrir vocacións científicas entre a mocidade

A Alcaldesa de Lugo da a benvida a case un centenar de estudantes de toda Galicia que participarán nas actividades de lecer e investigación do Campus Terra.

Luns, 03 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca o campus de verán XuvenCiencia como unha ocasión única para descubrir vocacións científicas entre a mocidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, participou este luns na apertura oficial do campus de verán XuvenCiencia 2023, organizado polo Campus Terra da USC. A undécima edición deste campamento ofrecerá proxectos tanto de ciencia experimental e biosanitarios como de ciencias sociais e humanísticos para adolescentes de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP.

Celebrarase, como sempre, no campus lucense da USC, ata o vindeiro sábado, 8 de xullo e reunirá a un total de 95 estudantes de toda Galicia e dalgunha provincia española. Neste senso, Méndez deu a benvida a todas e todos os participantes e destacou que esta iniciativa “é unha oportunidade para descubrir vocacións científicas entre a mocidade e poñer en valor a gran potencialidade do Campus lucense, o Campus Terra, ademais dun espazo de convivencia enriquecedor para o futuro persoal e profesional dos participantes”.

Do mesmo xeito que nos últimos anos, XuvenCiencia incluirá talleres, visitas a centros de investigación do Campus de Lugo da USC e da contorna da cidade e tamén actividades de lecer. Ao mesmo tempo, o alumnado poderá elixir entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades, nos que se achegarán ao día a día da investigación académica que se realiza na Universidade de Santiago.

Multimedia

  • Lara Méndez destaca o campus de verán XuvenCiencia como unha ocasión única para descubrir vocacións científicas entre a mocidade

Noticias relacionadas