“Feijóo tardou 6 anos en darse conta de que o problema do lácteo é un problema de país”, lamenta o edil de Medio Rural

Miguel Fernández mostrou a “profunda preocupación” do Concello porque Xunta e Goberno central “non foron capaces de achegar ningunha solución á gravísima crise do sector na reunión de onte”  

Xoves, 06 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, mostrou este xoves a “profunda preocupación” do Concello porque a Xunta e o Goberno central “non foron capaces de achegar ningunha solución á gravísima crise que está a atravesar o sector lácteo, a maior da nosa historia”, na reunión que mantiveron onte con produtores, industria e distribución.

“O Presidente da Xunta tardou 6 anos en percatarse de que este é un problema de país; 6 anos en decatarse de que as explotacións leiteiras son un dos motores fundamentais da economía galega e que, como tal, as Administracións, a central e a autonómica, non son meras espectadoras, senón que deben implicarse ao máximo para garantir que o sector lácteo siga contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico do país”, subliñou o concelleiro.

Para o Concello, “a situación é urxente e require solucións inmediatas”, polo que esixe que a Xunta de Galicia propicie a obrigatoriedade da figura do mediador con facultades operativas de arbitraxe e cun réxime forte de sancións que impidan o incumprimento da normativa por parte da industria e dos primeiros compradores. "Tamén esiximos que o Goberno central modifique con urxencia o decreto que desenvolve o paquete lácteo para convertelo nun verdadeiro instrumento que regule as relacións contractuais entre produtores e industrias".
“Xogámonos moito. Por iso, todos, empezando pola Xunta de Galicia, temos a obriga de acadar unha solución antes de que a situación se volva irresoluble”, sinalou o concelleiro de Medio Rural.

Audio

  • O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, valora a situación do sector lácteo|Descargar mp3

Noticias relacionadas