Avanza a bo ritmo a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

Alexandre Penas: “seguimos a avanzar na renovación integral do barrio de Recatelo, completando a zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía”.

A Tenencia de Alcaldía de Mobilidade e Infraestruturas inviste 102.767€ que completan os traballos feitos no pasado mandato nas rúas Avelino Pousa Antelo, Vila de Sarria e na primeira parte de Isaac Díaz Pardo.

Sábado, 18 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Avanza a bo ritmo a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

O tenente alcaldesa de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro Alexandre Penas, responsábel de Infraestruturas Urbanas, visitaron o barrio de Recatelo, onde están a avanzar os traballos da segunda fase da renovación integral da rúa Isaac Díaz Pardo. Alexandre Penas explicou que “avanzamos coa renovación integral de Recatelo, completando a zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.

As obras que se están a executar consisten no segundo treito da obra, ubicada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou o concelleiro de Infraestruturas. Estase a renovar o saneamento e da recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións. A nova pavimentación dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e instalarase tamén novo alumeado público.

O Goberno de Lugo inviste 102.767,31€ neste proxecto, e unha vez comezadas as obras, terán un prazo de realización de 3 meses.

Penas lembrou tamén que esta tenencia de alcaldía de Mobilidade e Infraestruturas continuará nos vindeiros meses realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanza, onde se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”, ademais da renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, que foi apuntalado a finais do ano pasado, e do que se realizará unha actuación integral de renovación.

Multimedia

  • Avanza a bo ritmo a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

Noticias relacionadas