A área de Cohesión Social, da man de Down Lugo, constrúe pontes de integración en prol da inserción laboral deste colectivo

O Executivo de Lara Méndez vén de asinar un convenio con esta asociación para que persoas con discapacidade intelectual realicen prácticas profesionais no Concello.

O alumnado disporá dun titor persoal que o acompañará na formación práctica que reciba como parte dos seus estudos preparatorios para concursar en oposicións.

A edil Ana Abelleira incide en que “seguiremos a impulsar medidas públicas que promovan a igualdade de oportunidades e eliminen as barreiras que aínda existen en todos os ámbitos da vida”.

Venres, 11 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cohesión Social, da man de Down Lugo, constrúe pontes de integración en prol da inserción laboral deste colectivo

A área de Cohesión Social, a través do CEI Nodus, e Down Lugo veñen de subscribir un convenio para que persoas con discapacidade intelectual realicen prácticas laborais nos diferentes servizos municipais. A finalidade deste acordo en prol da integración é facilitar a inserción das persoas con diversidade funcional.

“Desde o Concello, como a administración máis próxima á cidadanía, seguimos a impulsar medidas que promovan a igualdade de oportunidades, suprimindo as barreiras que aínda existen e nos limitan en moitos ámbitos da vida. Sen dúbida, este labor debe involucrar a toda a sociedade, e de forma particular ao noso rico tecido asociativo que fai un gran traballo neste eido, mais como responsables públicos temos o compromiso de propoñer as solucións e as liñas xerais de acción máis axeitadas para acadar este obxectivo”, sinalou a responsable de Cohesión Social, Ana González Abelleira.

Froito desta colaboración, que estará en vigor como mínimo ata o ano 2027, no vindeiro mes de setembro dúas persoas desenvolverán a súa actividade profesional nas dependencias municipais. Trátase dun período de natureza formativa que terá unha duración de 120 horas - e durante o cal os participantes estarán titorizados en todo momento - “para favorecer que adquiran experiencia e que obteñan os coñecementos necesarios que lles permitan superar con éxito os procesos de oposición aos que concorren”, abondou a edil.

Nesta mesma liña, o Concello de Lugo coopera tamén con outras entidades, como a Fundación Feafes. Unha relación a través da cal a Institución local posibilitou a inserción laboral de máis de 80 persoas con enfermidades mentais nos últimos anos.

“Estamos convencidos de que este tipo de sinerxías son o camiño correcto para acadar o noso obxectivo de que as persoas pertencentes a colectivos con diversidade funcional poidan ser partícipes de todas as facetas da vida, cos dereitos que nos son inherentes a todas e todos, en iguais condicións que o resto da cidadanía”, sostivo González Abelleira.

A este respecto, o Executivo de Lara Méndez, na súa aposta por pular pola inclusión efectiva das persoas vulnerables, foi recoñecido en 2022 co Premio Cegasal á Administración local máis comprometida de Galicia cos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social. De feito, a aposta municipal pola inserción laboral alcanza xa ao cadro de persoal municipal, cun total de 5 traballadore/as, 2 funcionario/as de carreira e 3 interino/as. “Unha cota que agardamos seguir ampliando coa convocatoria de 8 prazas máis, tal e como contemplan as OPE’s en vigor”, sinalou  a responsable de Cohesión Social.

Audio

  • A edil de Cohesión Social, Ana González, sobre o convenio con Down Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas