Aprobados de maneira inicial os Orzamentos 2018, que, con 95,3M€, son os máis investidores da última década

Rematado o prazo de 30 días naturais tras o Pleno no que o Goberno vinculou a aprobación das contas a unha cuestión de confianza

Mañá publicaranse no BOP para a súa exposición pública durante 15 días, nos que se poderán presentar alegacións

O Goberno mantén o esforzo económico coas políticas sociais, que suman 23M€, o que supón o 24% do total duns presupostos, cos que materializará un modelo de cidade, coas persoas no centro de toda a acción municipal e baseado na dotación de servizos, a humanización de espazos e a mellora da mobilidade

Sábado, 27 de xaneiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aprobados de maneira inicial os Orzamentos 2018, que, con 95,3M€, son os máis investidores da última década

Rematado o prazo de 30 días naturais tras o Pleno do 28 de decembro no que o Goberno vinculou a aprobación do Orzamento 2018 a unha cuestión de confianza, sen que a oposición presentara unha alternativa, os presupostos quedan aprobados o sábado de maneira automática de maneira inicial. O seguinte paso é a certificación hoxe luns por parte do Secretario Xeral do Pleno de que non se presentou unha moción de censura, e a publicación das contas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) mañá martes, co que ao día seguinte, mércores, se abrirá un prazo de 15 días hábiles de exposición ao público para a posible presentación de alegacións. De non producirse, os Orzamentos quedarán aprobados de maneira definitiva, e de facelo, deberán elevarse a Pleno para a súa resolución.

Lugo contará deste xeito cun presuposto de 95,3M€, un 5% máis que o último aprobado –o de 2016-, e o máis inversor da última década, pois os capítulos de investimentos soben un 40%. Todo encamiñado a “materializar o noso modelo de cidade, coas persoas no centro de toda a acción municipal e baseado na dotación de servizos, a humanización de espazos e a mellora da mobilidade”, explicou a Alcaldesa, Lara Méndez. Ao mesmo tempo, o Goberno mantén o esforzo económico coas políticas sociais, que suman 23M€, o que supón o 24% do total do Orzamento.

Entre as actuacións contempladas nos presupostos coas que o Goberno materializará o seu modelo de cidade, destacan os seguintes:

- Plan de Barrios: 2,5M€: un instrumento que permitirá atender mellor e de maneira máis áxil as necesidades e demandas veciñais, pero tamén cumprir moitos acordos adoptados pola Corporación no Pleno. Como exemplos das actuacións aprobada polos grupos municipais que incluirá o plan, figuran o acondicionamento das rúas Vila de Sarria, Calzada das Gándaras, Río Sar, García Portela e Carril dos Fornos.

- Orzamentos Participativos: 400.000€. Abren unha canle directa entre a cidadanía e a Administración, reforzando deste xeito o Plan de Barrios coa dotación económica directa a propostas de colectivos, entidades ou persoas individuais.

- Novo sistema de mobilidade e acceso ao casco histórico: 300.000€. Consistirá en cambios na organización do tráfico intra murallas para actualizala á realidade urbana actual de Lugo, así como para avanzar cara a peonalización completa do casco vello, poñer en valor o patrimonio e desincentivar o vehículo privado. Basearase en tres medidas: a substitución de bolardos por lectores de matrícula que identifican aos coches que teñen permiso de acceso, cambios nos itinerarios de entrada e saída, e reaxuste dos horarios de carga e descarga.

- Accesibilidade: 560.000€. Esta partida inclúe a construcción dos ascensores nos barrios de Fontiñas (255.000€) e o Sagrado Corazón (250.000€), así como melloras no CEIP As Gándaras (60.000€).

- Centro social da Piringalla: 1M€. O Orzamento do 2018 contempla a partida necesaria para rematar a construción do edificio para funcionar como centro sociocultural, o que salda unha débeda coa veciñanza e cumpre tamén un acordo plenario.

- Ampliación e mellora de parques infantís: 190.000€. A partida servirá para ampliar o parque de Campo Castelo e cubrir o de Augas Férreas.

Outros dos proxectos destacados son a urbanización do entorno do novo CEIP do Sagrado Corazón (120.000€); un novo canil na rúa Serra de Ancares (60.000€) e a área pública de baño do Miño, cunha provisión de 250.000€ achegados pola Deputación de Lugo.

Fondos europeos: 9,3M€

O éxito do Goberno de Lara Méndez na captación de fondos europeos –máis de 22M€ en dous anos e medio- plásmase agora nos orzamentos contribuíndo a avanzar nun modelo de cidade máis inclusiva e accesible.

Dos 9,3M€ correspondentes a proxectos europeos que están recollidos no Orzamento do vindeiro ano, 8,2 están destinados a desenvolver a estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, (5,4M€ no Capítulo de Investimentos Reais e 2,8 no de Gastos Correntes). Este programa ten como obxectivo eliminar a discontinuidade urbana entre a cidade e o río e contempla actuacións como a peonalización da Calzada Romana, a reforma da Volta da Viña e a súa conexión co parque Marcos Cela, a pasarela peonil entre as marxes da N-VI e a recuperación do paso inferior da Nacional e súa desembocadura no Pazo de Feiras, así como accións formativas.

Para o programa Lugo, Smart City, o Orzamento recolle 823.000€, destinados a avanzar na implantación da Administración Electrónica e aproveitar as novas tecnoloxías para ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, coa xestión intelixente, por exemplo, de aparcamentos en superficie, recollida do lixo, alumeado, consumo enerxético de edificios públicos ou contadores da auga.

O terceiro plan europeo con fondos no presuposto é o Lugo+Biodinámico, con 285.000€ de consignación, para continuar desenvolvendo unha estratexia de planificación urbana sostible e introducir en Lugo un novo modelo productivo baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción. Entre outras accións, prevé a creación dun edificio de madeira con consumo enerxético cero.

Dinamización do rural: 300.000€ para saneamento

O Orzamento 2018 destina 1,3M€ a investimentos no rural, como a dotación de alumeado, asfaltado e roza, e tamén ao saneamento, cunha partida de 300.000 euros, cumprindo coa palabra dada aos veciños de achegar o 30% que deberá completar a Xunta co 70% da achega, e poder dispoñer así de 1M€ ao ano para avanzar na dotación deste servizo.

Esforzo polas políticas sociais

Dos 23M€ destinados a políticas sociais, o investimento para Benestar Social ascende a 8,5M€, con servizos como axuda no fogar, os centros de convivencia, Fogar do Transeúnte, centros de día, Casa Domótica, Casa da Muller e emerxencia social; Cultura, con 5M€, con partidas para o contrato de atención dos museos, O Vello Cárcere, a Banda de Música, San Froilán e Arde Lvcvs; Educación, con 3,6M€, para, entre outros, escolas infantís, achega a Rof Codina, UNED e axudas a material escolar; Deportes, con 3M€, para a promoción do deporte e o mantemento e mellora de instalacións; e Emprego, con 3M€ para programas como o Inicia Coworking, obradoiros de emprego, Empregalia ou Mellora Lugo. Nesta última partida, o Goberno tamén inclúe a provisión necesaria para o aluguer dos locais comerciais da Tinería ao IGVS co fin de incorporalos ao CEI Nodus como viveiro de empresas e dinamizar deste xeito o barrio social e economicamente.

Noticias relacionadas