A Alcaldía lucense avanza ao Eixo Atlántico a programación que acollerá a cidade en 2023 como Capital da Cultura

Persoal municipal comunicou hoxe ás cidades do ente transfronteirizo algunhas das propostas que se desenvolverán en Lugo entre marzo e novembro do ano que vén.

A axenda, pensada para todo tipo de público e de todas as idades, abarca diferentes disciplinas artísticas co fin de reforzar os vínculos que manteñen as localidades galegas e portuguesas do Eixo.

Luns, 03 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldía lucense avanza ao Eixo Atlántico a programación que acollerá a cidade en 2023 como Capital da Cultura

A Alcaldía de Lugo mantivo hoxe un encontro coas localidades do Eixo Atlántico para avanzarlles algunhas das propostas que o equipo de Lara Méndez está a preparar para acoller, o próximo 2023, a Capital da Cultura.

Persoal deste departamento municipal trasladou ao resto de integrantes da entidade transfronteiriza detalles da programación que se desenvolverá de marzo a novembro e dentro da que terá cabida unha ampla variedade de eventos – dende mostras de teatro, festivais de arte urbano, exposicións, actividades infantís ou certames gastronómicos alén de citas xa consolidadas como o Arde Lucus ou o Caudal Fest, de diferentes disciplinas artísticas dirixidos a todo tipo de público e de todas as idades.

Durante o encontro, de carácter telemático, celebrado esta mañá a Administración lucense convidou aos Concellos asistentes a achegar as súas suxestións para acadar que todas as accións que se materialicen sexan mostra da relación de cooperación e diálogo que se mantén entre os pobos do Eixo así como da súa identidade folclórica e cultural.

Lugo será o vindeiro ano a Capital da Cultura do Eixo Atlántico, recollendo o relevo de Braga, logo de que a Asamblea deste organismo avalara por unanimidade a candidatura presentada por Lara Méndez.

A propia rexedora sinalou que esta elección situará a Lugo no mapa cultural internacional e será unha fiestra aberta a riqueza cultural da eurorrexión ao tempo que servirá para poñer de manifesto a aposta do Goberno local pola cultura como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomenten a capacidade creativa local, en sintonía coa estratexia de cidade sostible que lidera.

Noticias relacionadas