A Alcaldesa reitera o apoio do Concello á asociación Lugo Monumental para traballar xuntos en prol da cidade

Lara Méndez asistiu este mércores á presentación do novo plan de acción deste colectivo, onde agradeceu o traballo da asociación pola dinamización económica e turística de Lugo

Mércores, 30 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa reitera o apoio do Concello á asociación Lugo Monumental para traballar xuntos en prol da cidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores na sede da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC), no acto de presentación do plan de acción 2016-2017 da Asociación de comerciantes e hostaleiros do centro histórico Lugo Monumental, encabezada por David Fernández.

Durante o acto, a rexedora, quen  recoñeceu o labor da executiva saínte desta asociación e lle trasladou os seus parabéns á nova directiva, agradeceu o traballo de Lugo Monumental na dinamización económica da cidade, nun sector tan importante para Lugo como é o sector servizos, que supón o 80% do tecido empresarial da cidade. Neste senso, tamén fixo fincapé no labor do colectivo no eido turístico, polo desenvolvemento de actividades que difunden o patrimonio lugués.

Lara Méndez aproveitou para avanzarlles a creación do Consello Municipal de Turismo, que se aprobou hoxe na Xunta de Goberno, no que terá cabida todo o movemento asociativo da cidade.

Para finalizar, a Alcaldesa desexoulle o mellor dos éxitos a esta asociación, “porque a cidade facémola entre todos”, e mostroulle o apoio do Concello para traballar en prol da cidade. 

Noticias relacionadas