Actividades culturais, deportivas e de ocio compoñen o programa da USC e o Concello para dar a benvida ao novo estudantado do campus

O edil de Xuventude participou este luns na presentación de #BenVidaUSC!, iniciativa coa que se dará a coñecer a cidade e os seus servizos aos novos alumnos e alumnas.

Bustos felicitou ao equipo da Universidade polo traballo que están a realizar “que contribúe ao incremento de alumnos que optan por Lugo para a súa formación”.

Luns, 18 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Actividades culturais, deportivas e de ocio compoñen o programa da USC e o Concello para dar a benvida ao novo estudantado do campus

Actividades culturais, deportivas e de ocio compoñen o programa da USC e o Concello para dar a benvida ao novo estudantado do Campus Terra lucense. O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, participou este luns na presentación da iniciativa que se desenvolverá do 18 ao 29 de setembro baixo o título #BenVidaUSC!, co obxectivo de dar a coñecer os servizos e alternativas formativas, culturais e deportivas a disposición da mocidade durante o ano escolar.

O concelleiro deu os parabéns ao equipo directivo da Universidade e ao equipo docente polo traballo que están a realizar, “que contribúe, sen ningunha dúbida, ao incremento de alumnos que optan por Lugo para a súa formación, así como o acerto na implantación dos novos graos”, sostivo. En concreto, será uns 860 os novos alumnos que se incorporarán este curso ao Campus Terra, “o que implica que se segue a manter o incremento de matrículas”, subliñou Bustos.

“Un éxito que tamén é froito da calidade de vida que temos na nosa cidade, xa que moitos elixen Lugo polas súas excelentes instalacións deportivas, a actividade cultural e de ocio, así como pola amabalidade dos e das lucenses”, engadiu o edil.

O concelleiro puxo en valor, así mesmo, a colaboración permanente que o Concello mantén coa Universidade para apoiar as iniciativas que se poñen en marcha dende o Campus Terra, co obxectivo de ofercer os mellores servizos e traballar xuntos polo futuro de Lugo.

Concertos, aulas abertas ou visitas guiadas integran a programación que xa pode consultarse na páxina web de #BenVidaUSC! Entre as novidades deste curso, destaca o obradoiro de videocreación, que se suma ás aulas abertas de actividades como zumba, ioga, GAP+Tono, pilates, así como ás de danza tradicional e danza contemporánea, entre outras.

Torneos deportivos

Ademais, o mércores 20 terán lugar os torneos deportivos de benvida que servirán para que o alumnado coñeza de primeira man a oferta da Área Deportiva en actividades como tenis, balonmán, voleibol, baloncesto ou fútbol.

Este programa amplo e diverso contará tamén con visitas a puntos emblemáticos da Universidade como a Domus do Mitreo, entre outros. O coidado dos vínculos afectivos: Obradoiro de Quérote + sobre a xestión de parella e vínculos sentimentais’ será tamén outro dos espazos formativos ofertados, xunto con distintas sesións de presentación nos que servizos como a Oficina de Igualdade de Xénero, a Unidade de Atención Psicolóxica ou o Servizo de Participación e Integración Universitaria darán a coñecer a súa actividade.

Concertos

A música tamén estará moi presente nas xornadas de benvida. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) acolerá o xoves 21, ás 20.30 horas  o concerto de Catuxa Salom e Ortiga.  O acceso aos concertos será de balde ata completar a capacidade do espazo, mentres que para aulas abertas, presentacións e visitas guiadas será preciso rexistrase na web de #BenVidaUSC!

Audio

  • O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, sobre a inauguración e benvida na USC | Descargar mp3

Multimedia

  • Actividades culturais, deportivas e de ocio compoñen o programa da USC e o Concello para dar a benvida ao novo estudantado do campus

Noticias relacionadas