Por primeira vez, os contribuíntes reciben os recibos do IBI no domicilio no que están empadroados

Martes, 30 de abril de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos informa de varias novidades que se puxeron en práctica nesta campaña de pagamento en vía voluntaria do Imposto de Bens Inmobles para darlle ós contribuíntes as máximas facilidades no cumprimento das súas obrigas fiscais.

Este ano, por primeira vez, os contribuíntes reciben os recibos do IBI no domicilio no que están empadroados, independentemente de que sexa ou non a vivenda sobre a que recae o tributo. Unha segunda novidade nesta campaña fiscal afecta ós contribuíntes que teñen en propiedade máis dunha vivenda. Neste caso, recibirán conxuntamente os seus recibos, tamén na dirección na que figura o seu domicilio no padrón municipal.

Nesta campaña, o Concello pon ó cobro 87.273 recibos de natureza urbana por importe de 20.176.496,44 euros e 13.966 recibos de rústica por importe de 57.917,32 euros.

Como é sabido, o Concello de Lugo mantén todos os seus impostos conxelados dende hai varios anos, a excepción das obrigas impostas polo Goberno central.

O prazo de pagamento en vía voluntaria estará aberto ata o día 20 de xuño. No caso de ter domiciliado o recibo, o importe fraccionarase en dous pagos e pasarase ó cobro os días 5 de xuño e 5 de setembro.