O Concello tramitou seis obras menores no primeiro día de vixencia da Ordenanza que elimina a necesidade de solicitar licenza para este tipo de actuacións

Lunes, 22 de abril de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello estreou hoxe a nova Ordenanza reguladora das comunicacións de obras menores que supón unha nova aposta pola simplificación administrativa e a axilización dos trámites burocráticos no término municipal de Lugo.

A nova Ordenanza posta en marcha pola Concellería de Urbanismo, que dirixe Luis Álvarez, entrou en vigor este luns e neste primeiro día xa foron seis as obras menores tramitadas por este procedemento abreviado neste departamento municipal.

O Concelleiro de Urbanismo destacou que, con esta nova norma, o Concello de Lugo avanza na simplificación das relacións entre os cidadáns e a administración municipal, xa que, grazas a ela, os veciños de Lugo gañan tempo e evitan trámites burocráticos para facer obras de pequena entidade.

Luis Álvarez salientou tamén a importancia desa nova normativa para axudar á dinamización da economía local, xa que a eliminación de trabas burocráticas contribúe a fomentar a realización de pequenas obras que dan traballo ás empresas dun sector como é o da construcción que atravesa graves dificultades nestes momentos de crise económica.

Esta nova Ordenanza regula a realización de obras menores previa comunicación ó Concello e sen necesidade de contar, como sucedía ata agora, con licenza municipal.
Un procedemento semellante é o que existe dende hai dous anos no sector do comercio, cando o Concello tamén suprimiu a necesidade de solicitar licenza municipal para a apertura de comercios, trámite que foi substituído pola comunicación previa.

Nesta primeira xornada de vixencia da nova Ordenanza reguladora das comunicacións de obras menores a Concellería de Urbanismo despachou unha comunicación para a pintura da fachada dun edificio, outra para a renovación dunha cuberta, unha reforma de local comercial para cambio de actividade, a limpeza dunha fachada dunha casa da zona rural e dúas máis para facer reformas no interior doutras tantas vivendas.

Segundo recolle a Ordenanza, esta iniciativa supón que os veciños de Lugo poderán tramitar polo procedemento de comunicación ó Concello as seguintes obras:

1.- Acondicionamento total de local, con modificación da distribución interior, sen afectar a estrutura do edificio e ao subsolo.
2.- Acondicionamento parcial de locais en edificios con uso distinto a vivenda, sen afectar a estrutura do edificio.
3.- Obras no interior da vivenda que non modifiquen a distribución, nin afecten a estrutura.
4.- Supresión de tabique, obras de adecuación funcional na vivenda (protección contra a humidade, illamento térmico e acústico) e instalacións en vivenda.
5.- Pintado, reparación e impermeabilización de fachadas, medianeiras, patios, terrazas e balcóns. (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).
6.- Substitución e colocación de carpintería exterior. (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).
7.- Reparación e/ou substitución de elementos e instalacións comúns do edificio (ascensores, caldeiras, equipos de bombeo, escaleiras, portais, porteiros automáticos, etc.) sen afección estrutural.
8.- Instalación de baixantes, canlóns e antenas (excepto de telefonía móbil), sen afección estrutural.
9.- Substitución e reparación do material de cubrición das cubertas, sen afección estrutural.
10.- Instalación de novos elementos publicitarios en locais comerciais (rótulos, toldos, bandeirolas, etc.).(Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).
11.- Instalación e construción de valados, peches de parcelas e soares. (Excepto nos núcleos rurais nos que exista peche tradicional. )
12.- Pozos de auga e foxas sépticas.
13.- Limpeza, roza e nivelación de soares e parcelas, sempre que non altere o nivel natural do terreo nin afecte a ningún uso ou instalación pública.
14.- Axardinamentos, pavimentación, implantación de bordo e instalacións necesarias para o uso ou conservación de espazos libres de dominio privado sempre que non afecte a usos, servizos ou instalacións públicas.

Quedan excluídas da tramitación comunicada aquelas obras que, aínda sendo de escasa entidade, afecten ós edificios catalogados no planeamento municipal ou se sitúen no seu ámbito de protección, aquelas que requiran autorización ou informe doutras administracións, salvo que a autorización se aporte coa comunicación, e tamén se exclúen as que supoñan un uso privativo de dominio público e as que precisen da excepción das condicións de habitabilidade.

A Ordenanza pode ser consultada na páxina web do Concello www.lugo.es