O Concello de Lugo respaldará calquera acordo entre Urbaser e os seus traballadores que non recorte nin encareza o servizo

Lunes, 28 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou o apoio do Concello de Lugo a calquera acordo entre a empresa Urbaser e os seus traballadores que non supoña recortes nin encarecemento do servizo de limpeza e recollida do lixo que ten contratado a Administración municipal.

“Deixamos claro que o Concello non se opón a ningún acordo entre as dúas partes  sempre que non supoña ningunha merma do servizo e conleve un incremento 0 no custo do contrato que o Concello de Lugo ten con Urbaser”, explicou Luis Álvarez trala xuntanza que mantivo hoxe con representantes dos traballadores e da dirección da empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo.

O Voceiro do Goberno local explicou que, no encontro, as dúas partes plantexaron a posibilidade de reorganización do servizo para que os empregados que traballan de luns a domingo pasen a facelo de luns a sábado.

Por parte do Concello, Luis Álvarez explicoulles o posicionamento xurídico municipal, consistente en que calquera modificación que supoña a diminución do persoal co que se presta o servizo levaría aparellada, necesariamente, a revisión do contrato e a diminución do prezo que lle paga a Administración local á empresa concesionaria por este contrato. Nese escenario, probablemente, a empresa traduciría ese descenso nos seus ingresos en despidos ou outro tipo de recortes de persoal.

53 alertas sanitarias

A Xefatura territorial da Consellería de Sanidade comunicoulle este mediodía ó Concello de Lugo unha relación de 53 novos puntos de alerta sanitaria.

Entroutros, os  inspectores de Sanidade consideran que pode existir risco para a saúde pública en 11 rúas e prazas completas. Trátase das rúas Illa Coelleira, Illa da Toxa, Peña Anda, Carril das Flores, Rafael de Vega, San Eufrasio, Alexandre Bóveda, Caravel e Aquilino Iglesias Alvariño e das prazas San Xoan e Ramón Falcón. Asimesmo, no listado destaca a Ronda das Fontiñas, con alertas sanitarias nos números pares ata o 198 e nos impares ata o número 125.

Pola súa parte, o Concello deulle parte hoxe a Sanidade dun listado cun total de 13 queixas recibidas os días 24 e 26 de xullo nos servizos municipais , de veciños e veciñas tanto da cidade como da zona rural que solicitaron a retirada do lixo ou deron aviso da existencia de cheiros ou da aparición de ratas ou insectos.

Precisamente en relación coa aparición de roedores, a Concellería de Servizos Xerais e Participación Cidadá segue a reforzar a habitual campaña de desratización nas rúas e espazos públicos do concello, que, como xa se informou días atrás, se ten intensificado desque comezou a folga. Deste xeito, esta mesma tarde realizáronse, de novo, tarefas de desratización no barrio do Sagrado Corazón, onde xa se puxeran cebos hai só uns días.